O PP de Viveiro pide respostas sobre “o palco e as gradas que acabaron vendidos como chatarra"
O PP de Viveiro pide respostas ao goberno local sobre o “estraño caso do palco e das gradas que acabaron vendidos como chatarra sen apenas uso".
"O palco para as festas, polo que o Concello pagou no 2004 a considerable cantidade de 96.000 euros, acabou vendido como chatarra, ao igual que as gradas. O misterio envolve todo o relacionado con este equipamento e as explicacións ofrecidas polo goberno local na máis recente sesión plenaria só deixaron inquedanzas, preguntas sen resposta, polo menos por agora", así o sinalan o portavoz popular, Óscar Rodríguez, e a concelleira Teresa Pérez, que esixen a Loureiro que aclare todas as dúbidas que xera a xestión municipal respecto a estes dous equipamentos.
O palco comprado no 2004 deixou de usarse no 2015 e "agora, o goberno local confirma que o vendeu como chatarra. Pero non sabe canto recadou polo palco en si, porque foi vendido xunto con outros materiais. O mesmo pasa coas gradas, se ben neste caso, o misterio é aínda maior. Segundo o goberno local, da compra das gradas non hai constancia documental no Concello, carencia máis que sorprendente e nada tranquilizadora", din.
Á vista das circunstancias, son moitas as preguntas que se fan os populares, segundo indican Óscar Rodríguez e Teresa Pérez, por exemplo, "por que non explican os socialistas o motivo porque se deixou de usar un palco, que custou o que custou, con só unha década de uso? Por que, se pregunta, dende o 2015 se optou polo alugamento dos palcos. E tamén queren saber por que, se xa estaba tomada a decisión de non usalo, esperaron ata agora para vendelo como chatarra".
Rodríguez declara “o das gradas é aínda máis sorprendente. Como é posible que non haxa no Concello constancia documental da súa compra?” A este respecto, destaca que os trámites para que a institución municipal efectúe compras están claramente regrados na lei, na normativa.