O PP de Viveiro pide que se garanta a seguridade aos usuarios do Conservatorio Municipal
A voceira do Grupo Municipal de Viveiro, Mariña Gueimunde, esixe ao Concello garantir “con carácter de urxencia” a seguridade aos usuarios do Conservatorio Municipal. A popular fai esta petición logo de constatar no día de hoxe que a entidade local aínda non retirou os cascallos procedentes do desprendemento dunha parte do balcón lateral do edificio producido o pasado domingo durante a xornada electoral.
Para os populares o restablecemento do inmoble e das súas inmediacións en termos de seguridade “non se pode dilatar máis”, pois “xa vai case unha semana do suceso e as vaias e os cascallos seguen no chan”. “Isto é unha máis”, alerta Gueimunde, e é “un novo exemplo da desidia manifesta dun goberno esgotado e desgastado que nin tan sequera se preocupa do mantemento das instalacións municipais e que lle corresponde xestionar e atender coa debida responsabilidade”.
Deste xeito, Gueimunde maniféstase moi crítica co proceder do Concello, xa que o suceso coincidiu, ademais, co día das eleccións e no Conservatorio había tres mesas. “É dicir, as consecuencias puideron ser aínda peores”, advirte. “Afortunadamente, o domingo non pasou nada, pero cada día son moitos os rapaces que cursan os seus estudos de música neste edificio. Pedimos encarecidamente á alcaldesa que deixe de mirar para outro lado. É a súa responsabilidade garantir que non lles pase nada aos alumnos e alumnas e que tanto eles como as súas familias se sintan seguros”, insiste.
Neste Conservatorio, lembra a popular, cursan estudos rapaces de catorce concellos, procedentes da Mariña, así como doutros municipios da provincia coruñesa. É o caso, por exemplo, das localidades de Cariño, A Coruña, Mañón ou Ortigueira.