O PP de Viveiro pide “corrixir as deficiencias" no paseo marítimo de Covas
O PP de Viveiro pide “corrixir as deficiencias no paseo marítimo de Covas derivadas da falta de mantemento por parte do goberno municipal durante anos” Así, os concelleiros esixirán ao Goberno municipal no pleno deste mércores que “adopte as medidas necesarias para reparar os numerosos danos do paseo marítimo de Covas e que se corrixan esas deficiencias”.
Os populares destacan que “o paseo marítimo de Covas é considerado un dos paseos costeiros máis importantes da xeografía galega e, ademais, é unha zona moi transitada durante todo o ano tanto por veciños como por visitantes”. Os concelleiros explican que “entre a ponte da Misericordia e as proximidades da praia de Seiramar -a pesar da inmellorable contorna- apréciase un deterioro, cada vez maior, a consecuencia dunha clamorosa desatención e dunha falta de mantemento por parte do goberno local durante anos, algo que non resulta comprensible ao tratarse dun escaparate e un espazo representativo da nosa cidade”, engaden.
O agrupo advirte tamén da mala imaxe das pérgolas: “A suciedade e un aspecto ennegrecido pola falta de pintura son unhas constantes ao longo do muro que separa o paseo da praia, algo que se fai patente nas pérgolas do paseo. Das cinco que hai, soamente se pintou unha quedando as outras catro cun aspecto manifestamente mellorable”.
Tamén sinalan dende o PP local a existencia de “farois rotos, bancos de pedra deteriorados -algún tamén roto-, ou zonas axardinadas ao longo de todo o paseo con herbas altas sen rozar ás portas do verán. E tamén vemos como bastantes baldosas do paseo están rotas ou deterioradas”. Aseguran que os condutores “tamén sofren as fochancas no firme da estrada que discorre paralela ao paseo pola avenida Luís Cebreiro que se aprecian especialmente no tramo adxacente ao parque Pernas Peón e ao campo de fútbol de Cantarrana e, máis aínda, nas proximidades do cruzamento que une o parque, o campo e o paseo”.
E a sinalización horizontal e os pasos de peóns “necesitan unha capa de pintura e algúns sinais verticais tamén necesitan mellora”, engaden. Outras deficiencias que enumeran dende o PP son as pintadas das duchas da praia “que non dan a mellor imaxe” ou varias luminarias dos laterais do chan do espigón que xa non funcionan e bastantes varandas que separan o paseo das rochas que están partidas ou desaparecidas “co consecuente perigo que iso pode supoñer”, advirten.