O PP de Viveiro pide ao Goberno local máis premura para sacar a licitación o SAF

AMariñaXa
Para os populares “a atención a maiores e dependentes é un servizo moi importante que non se pode arriscar”, segundo consideran
PP-Viveiro
18 Xul 2024

A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, advirte que “a tardanza e falta de previsión” do goberno local que preside María Loureiro para sacar a licitación o servizo de axuda no fogar (SAF) de libre concorrencia e de dependencia “o pon en risco”.

Para os populares “a atención a maiores e dependentes é un servizo moi importante que non se pode arriscar”, segundo consideran. Gueimunde lembra que “en maio aprobouse no pleno unha prórroga de tres meses do servizo á empresa actual in extremis, cando xa caducara a prórroga, coa condición de que o Concello sacara a licitación o servizo”. Pero, “o goberno local aínda leva os pregos de contratación o 17 de xullo, cando faltan menos de 15 días para que remate a prórroga” e “todos sabemos que o 1 de agosto, que é a data na que expira a prórroga, non estará o servizo adxudicado”.

Os populares aseguran que “é unha necesidade básica” e, precisamente por ese motivo, “hai que actuar con previsión e non abusar da empresa por desidia na tramitación por parte do bipartito local”. O Grupo Municipal do PP advirte de posibles sobrecostes por non cumprir os prazos do procedemento. De feito, pregúntanse “como e a que prezo pensa o goberno local pagar o servizo ata que saia adxudicado o SAF a unha nova empresa”.

Os populares inciden en que “este goberno segue facendo as cousas mal, sen respectar os procedementos” e advirten que “isto levaraos a saltarse de novo as normas”. É por iso polo que “aos concelleiros do Partido Popular nos preocupa que a final de ano haxa que volver aprobar outro recoñecemento de débeda pola improvisación e mala xestión do bipartito de Viveiro”.

0.15740203857422