O PP de Viveiro insta ao Goberno local a solicitar unha subvención para rehabilitar a Casa do Mestres
O Grupo Municipal do PP de Viveiro insta ao Goberno local a solicitar unha subvención do Instituto Galego de Vivenda e Solo para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social, en concreto falan da Casa dos Mestres.
A Casa dos Mestres é unha edificación singular estratexicamente situada no corazón do centro histórico viveirense ocupando a esquina entre as rúas Constanza de Castro e irmáns Vilar Ponche e que dá servizo público a varias asociacións e usuarios : a Confraría do Rosario, a Asociación cultural Bágoas dá Terra, Asociación de Veciños do Centro histórico, Cáritas e veciños desaloxados da antiga casa de Barros.
O uso asociativo e de carácter social deste inmoble imprímelle unhas posibilidades de aproveitamento o suficientemente importantes para "ser merecedoras da atención do Concello, á vez que melloramos e saneamos o catálogo de inmobles de propiedade municipal apostando pola súa rehabilitación e posta en valor", din desde o PP, "polo que puidemos comprobar o seu estado é lamentable. A cuberta filtra a auga ao interior dos locais, o piso de madeira corre risco de derrube, as humidades e avelaíñas atacan os aveños e devoran mobles, e roupaxes. O que pode desembocar nunha perda irreparable nalgún dos casos e un risco para as persoas que operan, traballan ou habitan no lugar".
A Xunta de Galicia ofrece, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existente. Neste contexto puxo en marcha un conxunto de medidas, de carácter exclusivamente autonómico, encamiñadas a fomentar a rehabilitación de edificios e vivendas, entre as que teñen especial relevancia os diferentes programas dirixidos a fomentar o acceso á vivenda e a rehabilitación e renovación urbana, como son o Programa para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal e o Programa de infravivenda para o seu destino ao alugueiro social.
"As axudas poderán alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada, ou de 55.000 euros no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago. No caso de que a edificación para rehabilitar estea situada nun ámbito declarado área Rexurbe, as citadas cantidades incrementaranse en 2.000 euros por vivenda", engaden.