O PP de Viveiro insta ao Concello a ofrecer un terreo para a residencia de Aspanane
O PP de Viveiro insta ao Concello a ofrecer un terreo para a residencia de Aspanane. O portavoz do PP de Viveiro, Óscar Rodríguez, explicou que “o Concello de Viveiro leva dende o ano 2019 tratando de conseguir un terreo ou un edificio para a residencia de Aspanane; estamos no 2023 e o goberno de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, é incapaz de resolver este problema acuciante, urxente. Non entendemos que fixeron en todo este tempo. Empezaron ofrecendo a antiga escola de Celeiro para que acollera á Escola de Idiomas, de maneira que Aspanane se quedara coas dúas plantas no edificio no que hoxe ocupa a planta baixa, mentres que na outra está a Escola de Idiomas”.
Engade: “O edificio da antiga escola de Celeiro é da Tesourería da Seguridade Social, que, lonxe de cedela gratuitamente, reclamaba case 800.000 euros. Isto supón un verdadeiro agravio comparativo, en tanto que tanto a Casa do Mar de Vicedo, hoxe centro de día, e o edificio da gardería de San Cibrao foron cedidos a custo cero. Isto demostra a falta de peso político da alcaldesa de Viveiro en relación co Goberno de Pedro Sánchez. Xa se falaba no 2019 dun preconvenio para a adecuación do inmoble a tres bandas: Xunta, Deputación e Concello”.
Os populares destacan que, “á vista de que o primeiro intento non funcionou, intentaron a cesión dunha parcela en Lavandeiras, pero ocorre que só pode ser cedida para un uso público e Aspanane é unha entidade privada”.
Rodríguez declarou: “E nesa situación estamos. Como Aspanane xa non pode esperar máis, púxose en contacto con concellos do entorno e o de Xove comprometeuse a ter solventada a cesión dun terreo en dous meses. Isto marca a diferencia na xestión entre gobernos socialistas e gobernos populares. Mentres o de Viveiro leva dende o 2019 sen conseguir poñer a disposición de Aspanane un edificio ou un terreo para a súa residencia, o de Xove, pilotado por Demetrio Salgueiro (PP) comprométese a cedelo en dous meses”.