O PP de Viveiro insta a Loureiro a pavimentar o aparcadoiro de Verxeles

AMariñaXa
O PP de Viveiro insta á socialista María Loureiro a pavimentar debidamente e sen demora o aparcadoiro da zona de Verxeles
verxeles viveiro
21 Maio 2021

O PP de Viveiro insta a Loureiro a pavimentar debidamente e sen demora o aparcadoiro da zona de Verxeles, pois "o goberno municipal de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, está desbordado, sen ideas e sen solucións para os problemas que afectan aos veciños".

Así o sinala o portavoz do grupo municipal do PP, Óscar Rodríguez, á vista de como reaccionan a alcaldesa e o seu equipo fronte ás protestas dos veciños. Como non paraban de chover críticas veciñais sobre o Concello polo pésimo estado do aparcadoiro da zona de Verxeles, a Loureiro non se lle ocorreu outra xenialidade que inundar este espazo de zahorra, co cal, poucos días despois de executado o disparate, as cousas están tan mal ou peor que antes de que se materializara a luminosa idea do goberno local. No PP esixen “solucións xa, porque non é un problema de agora, vén de moi atrás e está máis que denunciado polos veciños e polo noso grupo político”.

Rodríguez di que “o Concello gasta os cartos dos veciños en chapuzas sobre chapuzas; a zona de Verxeles, que estaba en estado pésimo, sufriu una intervención que a deixou peor do que estaba”. Rodríguez lembra que o PP levou en varias ocasións ao pleno municipal os problemas que xera o mal estado do firme  do aparcadoiro situado fronte as edificacións da zona de Verxeles. “Pola presión política e veciñal, dende o Concello decidiron intervir, co conseguinte gasto, para deixalo peor do que estaba. Que lamentable xestión!”

Os populares din que á alcaldesa acabóuselle o tempo das desculpas para pavimentar debidamente este importante espazo de aparcamento en Viveiro. Chega o verán, segundo sinala Rodríguez, e o problema segue sen resolver, por non dicir que agravado. O portavoz popular declara: “Se a alcaldesa ten que facer xestións con outros organismos, que as faga; se ten que investigar de quen é ese terreo, que o investigue; se ten que tomar decisións, que as tome, que para iso asumiu o cargo. Pero isto non pode seguir así, e máis ás portas do verán”. Engade: “Os populares esiximos ao goberno municipal que faga o que ten que facer para solucionar o problema e que deixe de tirar os cartos de todos os veciños de Viveiro. Ten que escoitar o que din os veciños e o fartos que están de soportar este problema”.

0.19300293922424