O PP de Viveiro insta a Loureiro a esixir a apertura do centro de día na residencia da terceira idade

AMariñaXa
O PP de Viveiro insta a Loureiro a cumprir "canto antes o acordo de esixir a apertura do centro de día na residencia da terceira idade".
10 Feb 2023

O PP de Viveiro insta a Loureiro a cumprir "canto antes o acordo do pleno, a proposta súa, para esixir a apertura do centro de día na residencia da terceira idade".

Así o indica o portavoz popular, Óscar Rodríguez, despois do pleno municipal no que o PP logrou que se aprobara a súa moción para “que se faga cumprir o convenio firmado e se obrigue, por todos os medios posibles, a que no que queda de ano a sociedade ou quen corresponda poña en funcionamento dito centro de día, tan necesario para o noso pobo e ao que ten dereito pola cesión gratuíta de terreos municipais”.

Óscar Rodríguez lembra que o seu grupo xa defendeu iniciativas en igual sentido en anteriores ocasións. Considera “intolerable a pasividade do goberno municipal, sinaladamente por parte da alcaldesa, de maneira que non se acaba de cumprir na súa totalidade o convenio firmado en 2008 e modificado no 2010, sen que tal cambio alterase a obriga de abrir o centro de día".

Rodríguez destaca a importancia de que Viveiro conte co citado servizo dado o envellecemento da súa poboación. Para o portavoz popular, “é inexplicable este deixamento do goberno municipal, non hai maneira de entender que tolere que os veciños non conten cun centro de día que gañaron cando cederon terreos públicos para a residencia”.

Os populares din a Loureiro que canto antes, en virtude  do acordo plenario, faga cumprir o contido do convenio no que afecta á creación do centro de día no edificio da residencia da terceira idade.

0.12446999549866