O PP de Viveiro esixe explicacións no Congreso sobre o acceso á praia de Sacido, pechado desde hai 6 anos

AMariñaXa
Os populares esixen ao Executivo estatal que explique se ten elaborado un proxecto de actuación sobre o acceso e, de ser o caso, en que estado de tramitación se atopa
Imaxe do acceso cortado á praia de Sacido
11 sep 2024

O Partido Popular de Viveiro reclamou no Congreso dos Deputados explicacións ao Goberno central de Pedro Sánchez sobre as xestións realizadas para restablecer o acceso seguro á praia de Sacido, en Viveiro, pechado desde hai máis de seis anos debido ao risco de desprendementos. Os deputados lucenses Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades solicitaron por escrito respostas detalladas sobre o estado desta situación.

Os populares piden que o Executivo explique se a Dirección General de Costas elaborou un proxecto para actuar no acceso á praia e, de ser o caso, en que estado se atopa a tramitación. Tamén solicitan información sobre se existe algún plan de actuación previsto para a reapertura do camiño de entrada, que leva pechado desde 2018.

Ademais, esixen unha relación detallada das reunións e escritos intercambiados entre o Concello de Viveiro e a Dirección General de Costas, co fin de aclarar as xestións realizadas para buscar unha solución. Queren saber, ademais, que administración ten a responsabilidade sobre o mantemento e a seguridade do acceso á praia.

O peche da praia de Sacido afecta tanto aos viveirenses coma aos numerosos visitantes da Mariña, que non puideron desfrutar deste areal desde o seu peche, a pesar de que durante varios veráns contaba coa distinción de bandeira azul.

A portavoz municipal do PP, Mariña Gueimunde, criticou o que considera un "escaso peso político" da alcaldesa de Viveiro, asegurando que non conseguiu investimentos para solucionar esta situación, nin sequera por parte do Goberno central, gobernado por partidos afíns ao executivo local.

0.19092392921448