O PP de Viveiro denuncia "os habituais cortes de auga” en Galdo, Landrove e Magazos
Os concelleiros populares comparten o malestar e a preocupación dos veciños de Galdo, Landrove e Magazos ante os “cortes de auga e rebentóns de tubaxes” que sofren periodicamente e que supoñen trastornos para a actividade da vida diaria, explotacións gandeiras e distintos negocios. Os populares coinciden cos veciños en reclamar “un ben básico como é a auga” toda vez que “pagan os recibos”.
Pero, aínda así, “dende fai máis dun ano sofren cortes de auga que duran horas ou incluso dende pola mañá á última hora da tarde”. A situación repítese cada mes ou cada dous e, incluso, “afecta ao colexio de Galdo”. Os veciños afectados advirten dos prexuízos que provoca a falta de auga coma os electrodomésticos estragados ou, agora no verán, os inconvenientes que supón para os gandeiros porque “teñen que buscar a forma de abastecer de auga aos seus animais que non poden estar todo o día sen beber”.
Os concelleiros do PP cren que “o abastecemento de auga é servizo prioritario” e, ante esta situación, entenden que “os veciños estean fartos” porque “carecen dun ben básico e non poden sequera nin asearse nin cociñar”. Dende o Grupo Municipal Popular lembran que “é competencia do Concello garantir o abastecemento de auga” e, polo tanto, urxen ao goberno bipartito a levar a cabo actuacións que solucionen o problema e “non meros parches que son pan para hoxe e fame para mañá”.
Ao tratarse dun problema recorrente, os populares cren que “os dirixentes do Concello tiveron tempo de buscar alternativas para garantir o abastecemento de auga nestas parroquias”. Pero “vemos como, de novo, aflora o problema da falta de previsión e planificación por parte deste bipartito”.