O PP de Viveiro denuncia o "declive" do bipartito municipal
A renuncia do edil de Deportes, Eleazar Rodríguez, únese á de Marisol Rey, edil de Turismo, dúas concellerías de gran importancia no municipio que, a xuízo da portavoz municipal do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, “constatan a liña de declive e decrepitude na que se atopa o goberno bipartito, sen ideas nin plans para un Viveiro sumido na parálise máis absoluta”. A popular engade que “os perfís que os socialistas venderon nas eleccións como independentes, comprobaron de primeira man que o que se lles prometeu para que se incorporaran á candidatura era todo fume, e só foron utilizados coma un reclamo electoral e relegados coma un clínex rematado ese cometido”.
Mariña Gueimunde lamenta que o deporte da localidade sufra un novo revés ao perder un imprescindible interlocutor directo que saiba do que fala: “O señor Eleazar non tivo tempo de facelo nin ben, nin mal, suponse que foi levado nunha candidatura polos méritos da súa experiencia na xestión deportiva, e puidera ser que por esa mesma experiencia, ao constatar a inercia de pasividade e desidia do goberno bipartito, e os incumprimentos co deporte, prefire apartarse de onde non lle deixan facer”.
Así, a portavoz do PP insta á alcaldesa “a buscar un substituto con solvencia a quen permitan traballar polo deporte, que segue abandonado á súa sorte polos incumprimentos dos compromisos, pola falta duns criterios económicos transparentes e obxectivos, pola inexistencia dun plan de conservación das instalacións e agora engádese, unha vez máis, a ausencia dun edil específico con algunha experiencia no eido do deporte que poida atender en primeira persoa as demandas e necesidades dos clubs”.
Gueimunde pregúntase quen ocupará a praza vacante que deixa este edil “segundo parece non hai moito interese nos integrantes da lista en sumarse ao grupo municipal; despois de que o PSOE incorporase a catro independentes nos oito primeiros postos da súa candidatura”. E, engade, “todo apunta a que a alcaldesa asumirá as funcións da concellería de deportes e xa vimos o atendido que estivo o deporte na anterior lexislatura baixo a súa batuta”.
A popular conclúe que “neste primeiro ano da derrota da alcaldesa, o bipartito segue nesa deriva a ningures que o PP non se vai cansar de reprobar, onde tamén son os propios os que foxen deste desbaraxuste, quen mellor retratan o desgoberno no que se atopa o Concello de Viveiro”.