O PP de Viveiro denuncia o abandono dos antigos baños e almacéns do parque Pernas Peón
Os concelleiros do Partido Popular de Viveiro solicitarán no pleno que o Goberno local, formado por PSOE e BNG, complete as actuacións no parque Pernas Peón coa recuperación e rehabilitación dos elementos existentes. Os populares consideran que, a pesar das intervencións que se están realizando, financiadas con fondos europeos a través da Xunta, quedan pendentes melloras importantes como a limpeza dos muros do edificio e a restauración das fontes.
Segundo o grupo municipal, a zona dos antigos baños e almacéns do parque está en estado de abandono, cuberta de graffitis e con fontes deterioradas que precisan mantemento. Esta área, próxima ao IES María Sarmiento, é frecuentada por mozos e mozas, polo que o PP considera que o espazo debería ofrecer un aspecto máis coidado e digno. O voceiro popular subliñou que o parque Pernas Peón é unha das paraxes naturais máis emblemáticas de Foz, localizada nun enclave privilexiado xunto á praia de Covas e con potencial para novos usos lúdicos, deportivos e de lecer en harmonía co medioambiente.
Ademais, o PP criticou que, a pesar dos anuncios do goberno bipartito de dotar o parque con espazos deportivos, como unha cancha de baloncesto e mesas de xadrez, estas actuacións aínda non se materializaron. Xa no pleno de agosto, os populares demandaron a rehabilitación do edificio municipal do parque e o mantemento da vía que discorre paralela á praia de Covas, instando ao goberno local a realizar as melloras necesarias para licitar o uso do edificio canto antes.