O PP de Viveiro denuncia a xestión do Goberno local

AMariñaXa
O PP de Viveiro traslada á cidadanía “a profunda deriva económica” na que se atopan as arcas municipais debido á xestión do goberno local.
25 Abr 2024

O PP de Viveiro traslada á cidadanía “a profunda deriva económica” na que se atopan as arcas municipais debido á xestión do goberno local. Amparados na documentación facilitada polos órganos administrativos do Concello, os populares desvelan que existe unha proposta da Alcaldía para empregar o 100 % do remanente de tesourería, uns 425.000 euros para pagar facturas pendentes de pago e de dubidoso procedemento administrativo correspondentes ó exercicio 2023, como así o reflicten os informes de Intervención e de Secretaría.

En total son 213 facturas que se abonarán con cargo a este concepto e que corresponden ao período comprendido dende principios de ano ata mediados de outubro, quedando aínda sen contabilizar os últimos meses do ano. “No pleno de marzo, a alcaldesa tiña que dar conta do informe anual das resolucións ditadas pola alcaldía contrarias aos reparos de legalidade formulados pola intervención nas contas do exercicio 2023 e negouse a facelo. Nin unha explicación nos deu, nin ela nin o concelleiro de facenda alí presente, a pesares de que servizos tan importantes como os de Intervención e Secretaría explicitaban que non se estaba seguindo o procedemento que rexe a lei”, sostén Mariña Gueimunde.

Incluso, advirte, hai procedementos e facturas “polo mesmo concepto ou evento, emitidos pola mesma empresa e para o mesmo fin, que exceden dos 110.000 euros e que, supostamente, poderían supoñer un fraccionamento do pago, e que se repiten ano tras ano sen pasar polas mesas de Contratación”. A popular pon así no centro do debate “a desastrosa” xestión económica do Concello porque, mentres a entidade local ten unha débeda bancaria de arredor de 8 millóns de euros, o que provoca que tampouco se poidan facer inversións, duplica ou triplica a aportación para gastos superfluos.

Denuncian máis de 3.000 euros en gastos

A modo de exemplo, cita “o desfase en festas e en publicidade”. No primeiro caso, o gasto pasou dos 106.000 euros consignados no orzamento 2022 aos 423.000 que se gastaron no 2023, e no segundo, dos 57.000 consignados no orzamento 2022 aos 115.000 euros aproximadamente que se gastaron no 2023”.

E tamén critica que se autorizase a adquisición de diverso material informático para os concelleiros do BNG e a propia rexedora: dous ordenadores para os concelleiros e unha tablet para a alcaldesa. Aseguran que suman máis de 3.000 euros en gastos que ben poderían esperar ata que se regularizase algo a situación ou ser destinados a pagarlle ós provedores, ás asociación ou a amañar ou prestar servizos básicos. “Esta é unha mostra das prioridades do goberno PSOE e BNG que están levando á ruína ó noso concello”, apunta.

Ademais, tamén lles preocupa a cuestión dos orazamentos, cando a débeda bancaria ronda os 8 millóns de euros e, aínda que se aproben as facturas de xaneiro a outubro co remanente de tesourería, quedan arredor doutros 450.000 euros para pagar no 2024 con recoñecemento extraxudicial de débeda, aseguran. “Hai que lembrar que aínda faltan as facturas sen consignación de outubro ata decembro... polo que a débeda se incrementaría”, concluíu Mariña Gueimunde.

0.11986494064331