O PP de Viveiro denuncia a situación da obra de humanización na rúa Porto de Celeiro
O PP de Viveiro pide explicacións ao goberno bipartito municipal sobre a obra de humanización na rúa Porto de Celeiro. Concretamente, os populares consideran que os veciños e veciñas merecen explicacións sobre “os motivos da súa paralización, os cambios no orzamento de licitación da obra, as medidas previstas polo goberno para rematar os traballos e o prazo de entrega desta actuación”.
Os populares lembran que “en abril do ano 2023 o goberno local anunciou a bombo e platillo un plan de humanización do porto de Celeiro” cuxas obras se levarían a cabo a través dun convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro.
“A finais do ano 2023 iniciouse a licitación da obra que, tras quedar deserta nunha primeira licitación, se adxudicou nunha segunda rolda por un estreito marxe”, advirte a portavoz, Mariña Gueimunde. Sinala que o pasado mes de xullo, pouco antes da semana de festas de Celeiro, iniciouse a obra de reforma integral da rúa Porto de Celeiro. A data na que estaba previsto o remate da obra era finais do 2024.
Así, os populares expoñen que a principios de decembro de 2024, coa obra a medias, a empresa adxudicataria paralizou a obra e retirou a maquinaria. Isto provocou “o enfado dos veciños e veciñas” que manifestaron a súa molestia por deixar as obras a medias e, polo tanto, “os accesos ás súas vivendas sen rematar”. Unha situación que é “un claro prexuízo para os veciños e veciñas e, especialmente dificultosa para moitos dos residentes deste barrio que son de avanzada idade”, subliña a popular.