O PP de Viveiro critica a xestión do Goberno local

AMariñaXa
A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, censura a “mala xestión” do Goberno de PSOE e BNG un ano despois das eleccións municipais
casa-do-concello-de-viveiro
Casa Concello de Viveiro
30 May 2024

O Grupo Municipal Popular suspende ao goberno municipal por “un ano perdido” e lamenta que asociacións centenarias como a Banda de Música cesen a súa actividade. “Viveiro agoniza e a alcaldesa recoñece que a situación a supera e por iso solicita continuamente que outras administracións asuman as competencias”, segundo consideran os populares.

A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, censura a “mala xestión” do Goberno de PSOE e BNG un ano despois das eleccións municipais que “prexudica ao Concello e aos viveirenses” poñendo como exemplos a bicefalia, a incapacidade por sacar adiante os orzamentos, a lamentable situación económica do Concello, a ausencia de mantemento que pon en risco ao patrimonio municipal ou os incumprimentos do programa.

Ademais, censura que “esa falta de coordinación” desemboca “nunha mala xestión dos recursos”; ademais de que “non asumen responsabilidades”. A popular subliña que “o BNG fai oposición dende a tenencia de alcaldía” e “avergóñase da xestión das concellerías do PSOE e do proceder da alcaldesa” como se desprende “das súas declaracións públicas”.  Sostén que o Concello de Viveiro está sen orzamento porque “o goberno non tivo vontade de sacalos adiante”.

De feito, “nin cumpren a palabra co socio de investidura ao non incluír inversións do acordo programático, nin contan coa oposición a pesar de estar en minoría”. É máis, “presentan un orzamento irreal que finalmente cuadriplica os gastos previamente consignados”. Gueimunde subliña que “a alcaldesa ten a opción de presentar unha moción de confianza” polo que a convida a “ser valente e propoñela sen tardar. Se sae aprobada quedarían aprobados os orzamentos por decreto desbloqueando a situación e continuando pola senda do despropósito”.

Así mesmo, os populares expoñen que “a situación económica é lamentable” con preto de 8 millóns de euros de débeda nos bancos, 835.000 euros de facturas pendentes do ano pasado das que só se pagaron a metade con cargo ao remanente, asociacións sen cobrar  e os servizos básicos comprometidos. Gueimunde citou algunhas das deficiencias no patrimonio municipal que o poñen “en risco pola falta de atención e mantemento”: goteiras no teatro, no pavillón municipal no centro comarcal, no ximnasio, vasos inoperativos na piscina, torretas da luz sen poñer en Marcos Gómez, desprendementos na fachada do conservatorio, a Casa dos Maestros en mal estado, o centro social de Pénjamo abandonado e os accesos e muros do cemiterio sen arranxar.

 

0.16458988189697