O Partido Popular de Viveiro expresou o seu desacordo durante último pleno municipal coa decisión de eliminar o día de San Roque como festivo local para o ano 2025, medida que foi apoiada polo resto dos grupos da corporación municipal. Mariña Gueimunde, portavoz do Partido Popular, subliñou que "o día de San Roque, o noso copatrón, e o día grande do noso Concello será laborable". Gueimunde destacou que, a pesar de que o festivo coincida en sábado, moitos traballadores non poderán gozar das celebracións do día grande das festas de Viveiro debido á decisión de facer que o 16 de agosto de 2025 sexa unha xornada laboral.
Ademais de criticar a resolución, Gueimunde tamén cuestionou as "xestións da alcaldesa", denunciando que, tras convocar o pleno cunha proposta inicial para declarar festivos o martes de Entroido e o día de San Roque, a alcaldesa convocou unha comisión informativa urxente apenas 15 minutos antes do pleno para modificar a proposta e facer laborable o día de San Roque. A portavoz popular lamentou esta decisión, afirmando que "a ninguén se lle escapa que nos últimos anos se perderon moitas cousas en Viveiro" e concluíu que "o último que faltaba por perder eran as tradicións".