O PP de Viveiro censura que PSOE e BNG traten "de enganar aos viveirenses”
A portavoz do Grupo Municipal Popular de Viveiro, Mariña Gueimunde, lembra que “tanto PSOE como BNG votaron en contra dunha proposta do PP para pedir unha subvención para rehabilitar edificios e vivendas de titularidade municipal con destino a alugueiro social” que permitiría ao Concello rehabilitar a Casa de los Maestros. É dicir, “fai 2 meses votaron en contra do que agora pretenden anunciar”.
A proposta dos concelleiros populares saía rexeitada no pleno do 10 de abril “cos votos en contra de PSOE e BNG e o voto de calidade da alcaldesa para desempatar” entre os 7 votos a favor -os do PP- e os 7 do equipo de goberno -PSOE e BNG-, xa que X Viveiro se abstivo. Gueimunde censura que, “ademais desta contradición que reflicte claramente a falta de proxecto claro para Viveiro”, tanto a alcaldesa, coma a tenente de alcaldesa “traten de enganar aos viveirenses” tendo en conta que “o propio Instituto Galego de Vivenda e Solo as corrixe para aclarar a información e as conclusións ás que chegaron na reunión”: que a Xunta dispón de liñas de axudas dirixidas aos Concellos para rehabilitar vivendas de titularidade municipal – como é o caso da Casa de los Maestros- para dirixir a alugueiro social.
A popular cre que “están demostrando que non poden representar ao Concello” porque “tarxiversan a información. Non son capaces de trasladar as conclusións dunha reunión institucional”, sentencia. Os populares subliñaban a “singularidade”, a localización “estratéxica” da Casa de los Maestros e o seu uso “de carácter social” que “merece toda a nosa atención”. Nese sentido, apostan pola súa “rehabilitación e posta en valor” advertindo do “estado lamentable” no que se atopa este inmoble.
Así, defendían no pleno da Corporación municipal no mes de abril “dada a relevancia e a contía da subvención” unha proposta para que o Concello solicitase en tempo e forma a subvención para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino a alugueiro social. A través deste procedemento o Concello podería verse beneficiado dunha axuda da Xunta que pode alcanzar ata os 50.000 euros por vivenda rehabilitada a través dunha liña convocada polo IGVS para prestar apoio aos Concellos de menos de 20.000 habitantes. A proposta dos populares coincidía co prazo aberto para solicitar esta axuda na convocatoria deste ano 2024 -dende o 15 de marzo ao 3 de xuño-. “O prazo pechou fai dúas semanas e o Concello de Viveiro perdeu a oportunidade de telas solicitado xa nesta convocatoria”.