O PP de Viveiro asegura que o Concello non realizou as solicitudes para os obradoiros de emprego
O Partido Popular de Viveiro insta ao Goberno local, liderado por PSOE e BNG, a que explique no próximo pleno os avances realizados para solicitar obradoiros de emprego na vindeira convocatoria. Segundo os populares, o Concello non realizou a solicitude este ano, o que provocou preocupación entre a veciñanza, especialmente debido á alta taxa de paro no municipio.
Os concelleiros do PP lembran que no pleno do 6 de marzo se aprobou por unanimidade unha iniciativa que instaba ao Concello de Viveiro a impulsar a solicitude de obradoiros para desempregados, incluíndo os destinados á garantía xuvenil, co obxectivo de promover a inserción laboral. Malia isto, lamentan que Viveiro leva anos sen beneficiarse destes programas promovidos pola Xunta de Galicia, que consideran esenciais para mellorar a formación e fomentar o acceso ao mercado laboral tanto de mozos como de adultos en situación de desemprego.
Os populares tamén subliñan que moitos veciños se ven obrigados a inscribirse en obradoiros organizados por concellos veciños, o que satura as listas de espera e deixa a moitos demandantes sen a oportunidade de formarse. Lembran, ademais, que o municipio cumpre cos requisitos establecidos pola Orde que regula as axudas para os obradoiros de emprego, xa que conta cunha media de paro superior a 500 persoas en 2023.
O PP reclama ao Goberno local que aclare as xestións realizadas para mellorar as instalacións municipais ou conseguir o uso doutros espazos, de xeito que Viveiro poida contar con obradoiros de emprego no futuro inmediato. A formación política considera que a formación é un aspecto clave para mellorar a empregabilidade e demanda unha maior implicación por parte do goberno local para garantir que estes programas cheguen aos veciños que máis os necesitan.