O PP de Viveiro afea ao goberno local por instalar unha caseta de obra para os socorristas
O PP de Viveiro afea ao goberno local que por segundo verán consecutivo instale "unha antiestética caseta de obra no paseo marítimo de Covas para os socorristas".
"Os propietarios están obrigados a manter os seus predios nas debidas condicións de ornato e seguridade. Así é e así debe ser, e a primeira que debe e ten que dar exemplo é a Administración. Pois no caso de Viveiro", di o portavoz popular, Óscar Rodríguez, "non é así, e como proba do que di pon a caseta de obra, metálica, instalada no paseo marítimo en Covas, para uso dos socorristas; é o segundo verán que ocorre este feito". Os populares instan ao goberno municipal a substituír a caseta que critican por outra cuxas características estéticas se adapten a un ámbito urbano que debe ser mimado polo Concello.
Óscar Rodríguez sinala que “é posible que sexa necesario dispoñer dun equipamento provisional como este para que os socorristas poidan prestar o seus servizos nas mellores condicións posibles. Agora ben, que teña que haber unha caseta, non quere dicir que sirva calquera. Neste caso, ademais, ten o rótulo da empresa (e isto non é unha crítica a empresa, nin moito menos), pero de ter algún rótulo tería que ser exclusivamente o que identifique esta instalación co servizo ao que acolle”. Destaca que o tubo do desaugue está á vista.
O portavoz popular tamén destaca que “os particulares, cando queren facer algunha obra, teñen que atender as obrigas en materia estética segundo o lugar no que está ubicado o inmoble; pois o Concello non pode actuar como se para el as normas non existiran”.
Os populares queren que a caseta xa instalada sexa substituída por outra cuxo aspecto se corresponda coas condicións do ámbito urbano no que está, que é un dos máis notables de Viveiro e polo que pasan miles de persoas cada día. Rodríguez di que no mercado hai todo tipo de casiñas e casetas e que por un prezo moi asumible o Concello de Viveiro pode alugar ou mercar unha cuxo aspecto se adecúe ao entorno. O portavoz popular considera que o evidente déficit de mantemento do entorno da praia é o reflexo da falta de xestión do equipo de goberno presidido pola socialista María Loureiro.