O PP de Viveiro acusa ao Goberno local de ocultar as achegas da Xunta no orzamento

AMariñaXa
A portavoz, Mariña Gueimunde, explica que “están mentindo” porque “as cifras do orzamento proposto non son reais”
PP-Viveiro-Marina-Gueimunde
4 Xul 2024

A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, advirte do “engano aos viveirenses” por parte da alcaldesa e do Goberno municipal en relación aos orzamentos municipais para este 2024 e o convenio asinado recentemente entre o Concello e a Deputación de Lugo. Dende o PP de Viveiro lamentan que “a señora Loureiro e o seu goberno se esforcen máis en tratar de ocultar as achegas da Xunta a Viveiro que facer unha boa xestión económica, os asuntos do día a día do Concello como resolver o problema da Policía Local e ter previsto, por exemplo, a celebración dunha Festa de Interese Turístico Nacional como é o Naseiro”.

A voceira do PP engade que “a alcaldesa insiste en ocultar as achegas da Xunta por interese político”. Gueimunde explica que “hai subvencións da administración autonómica xa resoltas que o Goberno municipal non inclúe no orzamento”. Polo tanto, “se non recolle as cifras reais, o orzamento non é real. A alcaldesa e o seu goberno están mentindo”. Os concelleiros do PP aprecian, por exemplo, que falta reflectir no documento axudas da Xunta coma a de máis de 95.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, 80.000 euros para o embelecemento do litoral, máis de 30.000 para vehículos de renting, 70.000 euros para a reposición do firme de camiños, máis de 73.000 euros para a mellora do punto limpo e 60.000 para a xestión de biorresiduos.

Ademais, sacan á luz as advertencias de Intervención con respecto á proposta de orzamento. Por exemplo, recomenda conter o gasto no capítulo 2 para evitar recoñecemento extraxudiciais e lembra que con cargo a este orzamento se debe asumir un por máis de 380.000 euros dos que preto de 360.000 euros afectan ao capítulo 2. Así mesmo, especifica que a partida do capítulo 4 aumentou nun 325,49 % con respecto ao 2022 porque o anterior non incluía subvencións nominativas “evidenciando a falta de previsión á que nos ten acostumados este Goberno local”.

Situación económica “lamentable”

Gueimunde lembra que “a situación económica do Concello é lamentable, moi deficiente” e aínda así “a comezos do mandato o BNG propoñía 4 dedicacións exclusivas”. Este ano houbo que facer fronte a unha débeda de 835.000 euros de facturas pendentes do ano 2023 que incluíron a compra de ordenadores para a parte do goberno do BNG “e a tenente de alcaldesa vén de gastar tamén na recente reforma do seu despacho”.

Tamén é curioso que “a alcaldesa recoñeza na documentación para solicitar un convenio coa Deputación que o Concello de Viveiro recibe 700.000 euros para a xestión do SAF dependencia”. A este respecto, condena que “trate de vender un convenio coa Deputación de Lugo ocultando que a maior parte dos cartos (máis do 62 % do total e o 90 % do que di poñer o Concello) os achega a Xunta” e, encima, derive cartos destinados a servizos sociais”.

“Son as outras administracións as que teñen que salvar a delicada situación económica do Concello de Viveiro”, incide a popular subliñando que “é a Xunta a que máis aporta, a pesar de que insistan en falar mal do Goberno galego”.

Previsión para as citas tradicionais

Os populares cren que “un claro exemplo da mala xestión económica e dos enganos aos viveirenses é que, tralo punto da aprobación do orzamento a tratar no pleno, o seguinte é para restarlle xa máis de 380.000 euros ao presuposto deste 2024. Nin máis nin menos que para pagar facturas do 2023”. “Froito da improvisación do goberno local os viveirenses sufrimos consecuencias” como poden ser que “poñen en perigo citas tradicionais como as Maulas, a Feira Renacentista ou o Naseiro e a pervivencia de entidades emblemáticas coma a Banda Municipal de Música de Viveiro”.

Os populares cren que “dende o Concello se debe traballar con previsión e, no caso das festas patronais de Viveiro ou aquelas citas declaradas de Interese Turístico Galego ou Nacional, deberían estar previstas polo Concello”. É máis, dende o Partido Popular de Viveiro propoñen que “o Concello colabore coa organización de festas coma o tradicional Naseiro realizando os trámites ante as outras administracións”. Desta forma, favorecería a súa celebración ao facerse cargo dunha parte dos traballos que implica a festa.

0.20247411727905