O PP de Viveiro acusa ao Goberno local de non ter asignadas horas do SAF
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, denuncia que o Concello ten adxudicadas pola Xunta unhas 6.000 horas mensuais subvencionadas de Axuda no Fogar e, dese total, ten máis de mil horas sen asignar, é dicir, das que este mes non poden aproveitarse as persoas dependentes. O máis grave é, sinala Rodríguez, que agora mesmo hai case 100 persoas en lista de espera, das que algunhas teñen recoñecidos os grados máis altos de dependencia.
Rodríguez sinala: “É inaudito que ocorra o que está pasando en Viveiro, que tendo dispoñibles horas subvencionadas pola Xunta de Axuda no Fogar non estean asignadas a pesar de que hai unhas 100 persoas en lista de espera. É unha mostra máis do fracaso total na xestión da alcaldesa Loureiro; é inexplicable, unha vergoña e un auténtico disparate, ademais dunha demostración da falta de preocupación da alcaldesa polos seus veciños”.
O portavoz popular lembra que a aportación do Concello por cada hora do SAF é de aproximadamente 4 euros. Óscar Rodríguez explica: “É dicir, para cubrir a súa parte nesas máis de mil horas que está desaproveitando, o Concello tería que aportar uns 5.000 euros, unha cantidade moi pouco relevante se a comparamos cos cartos que se destinan a outros fines moito menos xustificables”.
O voceiro popular lembra que recentemente o Concello concedeu unha subvención de 15.000 euros a unha asociación de fóra de Viveiro para un espectáculo, no que ademais había que pagar entrada. “É indignante que ocorra o que está a ocorrer; no PP esiximos a Loureiro que se poña a traballar e que aproveite todas as horas do SAF que ten asignadas pola Xunta e que o faga dunha vez, porque o que está en xogo é o benestar de moitos veciños de Viveiro”.