O PP de Viveiro acusa ao Goberno local de non querer celebrar o Naseiro

AMariñaXa
Mariña Gueimunde censura que “os grupos do goberno municipal, PSOE e BNG, voten en contra de que o Concello colabore para garantir a celebración da romaría"
naseiro
naseiro
5 Xul 2024

A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, censura que “os grupos do goberno municipal, PSOE e BNG, voten en contra de que o Concello colabore para garantir a celebración da Romaría do Naseiro -ou Romaxe do Bo Xantar-” tendo en conta que “é unha festa que conta coa declaración de Interese Turístico Nacional dende 1967”. É por iso polo que cre “o Goberno local debería velar por manter a súa continuidade ano tras ano”.

Pero, “lonxe diso, poñen todo tipo de escusas e agora tamén votan en contra dunha iniciativa do grupo de XViveiro no pleno deste mércores para dar explicacións sobre a celebración das festas populares e que recollía unha aportación dos concelleiros do PP para que o Concello tramite os permisos sectoriais necesarios para a celebración da Romaría do Naseiro”. A pesar dos votos en contra de socialistas e nacionalistas, a iniciativa saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros do Partido Popular e XViveiro ante “un goberno en minoría”.

A portavoz do PP explica que “o Concello é o encargado de pagar os plans de autoprotección e, polo tanto, tamén debería tramitar directamente os permisos” o que “facilitaría parte do traballo ao que se teñen que enfrontar as comisións que organizan esta festa ano tras ano” e “que, quen queira, se poda facer cargo da comisión do Naseiro”. A popular engade que “non sabemos se terá algo que ver que as facturas do plan de seguridade e saúde e o proxecto e dirección de obra da enerxía eléctrica do 2023 están sen pagar. A alcaldesa di que non conta con 7.000 euros porque non ten consignación orzamentaria pero si ten para gastar 4.500 en caramelos”, subliñan.

Gueimunde incide en que “a Festa de Naseiro non é unha festa calquera. É unha festa tradicional, popular e moi coñecida. Moita xente e moitos turistas coñecen Viveiro por Naseiro ou pola Semana Santa, ambas declaradas de Interese Turístico, Nacional a primeira e Internacional a segunda”. Pero, “a PSOE e BNG non lles importa que se deixe de celebrar”. É máis, “non queren Naseiro” á vista de que “a alcaldesa non quere responsabilidades e a tenente de alcaldesa prefire evitar o problema de que esta festa xera moito lixo e supón máis traballo”.

Os populares cren que “se o goberno local garantise o seu apoio, facilitaría que houbera persoas que quixeran organizar a festa”; pero “é comprensible a dificultade para conformar unha comisión” á vista de que “o goberno municipal se lava as mans e incluso puxo en perigo outras citas consolidadas”, indican. “A poucas semanas da súa celebración quedamos a expensas de que calquera particular ou grupo que leve Naseiro e Viveiro no corazón tome a iniciativa e conforme unha comisión que chegue a tramitar, nun prazo récord, os permisos e organice a romaría que nos permita volver a desfrutar do Naseiro; unha vez que xa confirmamos que o Concello rexeitou o seu apoio descargando a responsabilidade sobre terceiros”, conclúe.

0.19289612770081