O PP de Trabada recorrerá a cesión dos terreos sen urbanizar da Deputación
O Partido Popular de Trabada anuncia que non descarta recorrer a cesión dos terreos sen urbanizar da Deputación ao Concello, aprobada polo pleno do martes, "ao incumprirse o convenio que obrigaba ao organismo provincial a dedicalos a solo industrial". Esta decisión débese a que os populares non están de acordo co procedemento da alcaldesa pois, "ademais de non informar aos grupos políticos deste trámite, o organismo provincial xa comprara en 2007 uns terreos para esta fin por valor de máis de 1,7 millóns de euros, que nunca foron urbanizados e tampouco se sabe a que se destinaron estes fondos".
Neste senso, o voceiro do Grupo Municipal, José María Fernández, lamenta que a rexedora e deputada socialista, dende que este Partido goberna na institución luguesa, non fose quen de “presionar aos distintos presidentes e compañeiros políticos para executar esta infraestrutura que deixara encamiñada o Partido Popular antes dos cambios de goberno provincial e local".
“O que nos queda claro é que a Sra. García non lle fixo cumprir o acordo de hai 14 anos aos tres presidentes do PSOE que presidiron a Deputación nos últimos anos. Dende 2007 non se moveu absolutamente nada, a pesares de que dende o PP esiximos en varias ocasións que se lle dese prioridade á construción do polígono”. Tal é así que, remarca Fernández, “esta era un dos nosos compromisos que levábamos no noso programa electoral”.
NEGOCIACIÓNS E ARGUMENTOS SOSPEITOSOS
Por todo elo, dende o PP critican tamén o argumento da alcaldesa para xustificar o convenio, baseado en aproveitar os fondos europeos Next Generation. “Estes fondos ben poderían ir para outros servizos e infraestruturas se a Sra. García fixese valer a súa palabra e, sobre todo, a súa condición de alcaldesa, para que a Deputación executase o que estaba previsto en 2007. Moito nos tememos que nin o fixo antes, nin o vai facer agora”, advirte o voceiro popular.
Tal é así que Fernández manifesta: Non entendemos que hai detrás de todo isto. Preguntámonos que negociacións houbo entre a Sra. Mayra e o Sr. Tomé para chegar a este acordo”. Todo apunta, indica, “a que foron negociacións partidistas ou mesmo particulares de cada un deles para seguir ocupando sillas”, conclúe.