O PP de Trabada propón habilitar un espazo para o encontro dos cazadores

AMariñaXa
Os populares levarán a iniciativa ao próximo pleno para facilitar a coordinación das actividades cinexéticas no municipio
Jose-Maria-Vilelo-PP-Trabada
20 May 2025

O grupo municipal do Partido Popular en Trabada solicitará no vindeiro pleno da corporación a creación dun espazo específico destinado aos cazadores do concello. Segundo explican, o obxectivo é dotar a este colectivo dun punto de encontro estable no que poidan celebrar as súas reunións e coordinar as súas accións relacionadas co control da fauna silvestre.

O voceiro popular, José María Fernández, lembrou que no municipio existe un número considerable de cazadores que desempeñan un papel clave na xestión cinexética e na prevención de danos nas explotacións agrogandeiras, moi numerosas na zona. “A actividade cinexética non só forma parte do noso patrimonio rural, senón que tamén é fundamental para manter o equilibrio no medio e reducir os prexuízos en cultivos e gandarías”, explicou.

Como posible localización, Fernández suxire unha parcela situada xunto ao punto limpo municipal. “É unha zona ampla, sen vivendas nas inmediacións, e con espazo suficiente para instalar contedores e habilitar un lugar axeitado para as súas reunións”, afirmou. O edil destacou que esta proposta non xeraría molestias á veciñanza e sería unha solución viable e funcional.

Desde o PP insisten en que moitos concellos xa contan con instalacións similares, polo que consideran que esta medida sería doada de implementar e beneficiosa tanto para os cazadores como para o conxunto da veciñanza.

PP-trabada-jose-maria-fernandez-vazquez
⚙ Configurar cookies
0.18055295944214