O PP de Trabada pide paralizar a obra da pista de pádel
O PP de Trabada pide ao goberno local que “replantee a obra da pista de pádel”. Os populares solicitarán formalmente a través do Rexistro do Concello a paralización da obra da pista de pádel no campo de fútbol municipal por parte do goberno local propoñendo o seu traslado a outra ubicación máis axeitada sen que supoña a inutilización doutra infraestrutura deportiva.
O voceiro popular, José María Fernández, indica que “son moitos os veciños que nos trasladan as súas queixas. É unha reflexión na que todos coinciden: hai moitos sitios no concello onde ubicar a pista de pádel sen hipotecar o campo de fútbol”. O popular sinala, por exemplo, que “nos terreos do recinto escolar hai espazo suficiente para facer varias pistas”. Polo tanto, considera que a decisión do goberno socialista “é absolutamente equivocada. É unha barbaridade, unha aberración inutilizar unha instalación deportiva existente poñéndolle outra enriba”.
O popular critica, ademais, “a mala xestión da alcaldesa e o seu equipo que dende que están no goberno non realizaron ningún tipo de tarefa de mantemento ou conservación no campo de fútbol municipal que fora mellorado cun importante investimento na época do goberno popular. No seu momento, actuouse na súa drenaxe e dotouse de vestiarios e gradas. Agora, o goberno local debe manter o campo de fútbol en boas condicións e facer as xestións que sexan necesarias para darlle utilidade”, incide.
A pesar de que non é prioritario nestes momentos realizar unha infraestrutura deste tipo, dende o Grupo Municipal Popular de Trabada cremos que “é positivo contar con novos servizos e infraestruturas no noso concello”; pero, aclara, que “non compartimos a xestión que está a facer o goberno local das instalacións municipais”.
Como ten manifestado xa noutras ocasións, Fernández sinala que “dende o PP estamos de acordo en que se fagan instalacións deportivas. Todo o que veña para Trabada é benvido pola nosa parte; pero facer esta pista sobre o campo de fútbol e deixalo inutilizado parécenos un grave erro, unha valoración que comparten tamén os veciños”, insiste.