O PP de Trabada pide instalar cámaras de vixilancia en puntos estratéxicos do municipio
Os concelleiros do Partido Popular en Trabada propoñerán no vindeiro Pleno que o Goberno local solicite ao Goberno do Estado os permisos necesarios para a instalación de cámaras de vixilancia en puntos estratéxicos do municipio. O obxectivo desta medida é disuadir condutas delitivas e facilitar o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
O voceiro popular, José María Fernández, destacou que non se pretende instalar cámaras de forma masiva, senón comezar por situar dispositivos nas entradas do termo municipal. Segundo explicou, estas localizacións permitirían obter imaxes en caso de producirse algún acto delitivo, facilitando así a identificación dos responsables. "Contar con gravacións en vídeo ou imaxes fotográficas é unha ferramenta clave para resolver delitos e atopar aos culpables", sinalou.
A proposta chega tras constatar que algúns incidentes recentes quedaron sen resolver debido á falta de probas. “O único que buscamos é colaborar coas forzas de seguridade para que poidan desempeñar mellor o seu traballo”, indicou Fernández.
Ademais, o voceiro popular recordou que, antes de proceder á instalación das cámaras, é imprescindible contar coas autorizacións do Goberno do Estado. “O primeiro paso é obter este permiso, sen o cal non se pode avanzar na implementación da medida”, concluíu.