O PP de Trabada pide amparo á Valedora do Pobo para ter acceso á información diaria do Concello
O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, vén de presentar un escrito pedindo o amparo da Valedora do Pobo ante as reiteradas faltas de transparencia que se producen dende o goberno local de Trabada.
José María Fernández afirma que “vímonos na obriga de realizar esta petición de amparo ante a Valedora do Pobo ante as reiteradas ausencias de resposta ás peticións de acceso ao sistema de información Gestiona”.
Dende o PP de Trabada explican que “lamentablemente vemos como nada cambiou co novo alcalde, xa que se manteñen as mesmas malas praxes do pasado”, ao que engadiu que “pese a que o novo rexedor prometeu aos veciños unha nova etapa política, vemos todo o que debería de mudar mantense no día a día municipal, mantendo o libro de estilo da antiga alcaldesa”.
O voceiro popular de Trabada denuncia que “dende o comezo do presente mandato veño reiterando, sen éxito, a solicitude de información e documentación do ámbito político local do Concello de Trabada para poder levar adiante a miña función constitucional de oposición democrática en dita administración, unha actitude grave do ente local, xa que non se toma ningunha medida nin xestión para aportar a notificación e información de toda a actividade municipal nin documentación concretamente solicitada a este grupo municipal para o exercicio da súa función e para o cumprimento do mandato legal de Transparencia, Información Pública e bo goberno, de forma electrónica e a través do Programe Gestiona”.
Aínda así, José María Fernández insiste en que “nos mantemos na mesma liña que explicamos cando o novo alcalde tomou posesión do seu cargo: seguimos dispostos a sentarnos a falar dos asuntos que sexa preciso para que Trabada avance”.