O PP de Trabada di que as obras da pista de pádel causan danos
PP de Trabada defende e aplaude a incorporación de novos servizos e infraestruturas no municipio. Nesta liña, está totalmente a favor da construción dunha pista del pádel, xa iniciada, pero discrepa abertamente da ubicación elixida, porque afecta, innecesariamente, ao campo de fútbol, "que quedará inutilizado". Así o indica o portavoz popular, José María Fernández, que considera unha “aberración” desfacer unha instalación deportiva para construír outra.
Fernández explica: “Iniciáronse as obras para unha pista de pádel no concello de Trabada e visto onde se está facendo a escavación, considero unha aberración o sitio elixido”. Sinala: “O campo de fútbol de Trabada foi reformado cando gobernaba o PP: drenouse e fixéronse vestiarios e bancadas. Dende que goberna o Partido Socialista, hai seis anos, non se fixo ningún mantemento no campo de fútbol. E agora encontrámonos con que se vai anular coa a pista de pádel”.
O portavoz popular tamén di: “Queda o campo de fútbol totalmente inutilizado. Paréceme de moi mal gusto o emprazamento elixido, habería que buscar outro enclave”.
Fernández asegura: “No PP estamos de acordo en que se fagan instalacións deportivas; todo o que veña para Trabada é benvido pola nosa parte, pero facer esta pista sobre o campo de fútbol e deixalo inutilizado parécenos un grave erro”.