O PP de Trabada denuncia a falta de conexión dixital e esixe accións urxentes ao Goberno

O Partido Popular de Trabada vén de lanzar unha ofensiva institucional para reclamar explicacións e solucións inmediatas fronte aos persistentes problemas de conectividade que afectan ás zonas rurais do municipio. A través dunha acción coordinada entre o grupo municipal e os senadores lucenses do partido, os populares denuncian o que cualifican como un “illamento inxustificable” das parroquias máis afastadas, que dificulta tanto a vida diaria dos veciños como o funcionamento de negocios e iniciativas locais.
O voceiro do PP no Concello, José María Fernández, subliña que “a cobertura de telefonía e a conexión á rede de fibra óptica deben ser unha prioridade absoluta no ano 2025”. Lembra, ademais, que “no 2015 o PSOE prometera conectar todo o municipio” e, dez anos despois, “vemos que non cumpriron absolutamente nada”. Como exemplo, Fernández destaca que “a única mellora rexistrada foi na parroquia de Fórnea, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, que instalou unha torre de comunicación”. Pola contra, “en Balboa moitos veciños aínda carecen de cobertura mínima”.
A denuncia non queda a nivel local. Os senadores José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano presentaron xa no Senado unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno de España, a quen lembran que lle corresponde a competencia en materia de telecomunicacións. Queren saber que actuacións se teñen posto en marcha en Trabada, se existe un plan integral de cobertura para o municipio e se se está a facer un seguimento real das medidas adoptadas para garantir que teñen impacto efectivo.
“Temos serias dúbidas de que o Goberno de Sánchez estea a controlar as solucións que di implantar. O certo é que, sobre o terreo, non se perciben melloras reais para os territorios máis illados”, apuntan os parlamentarios populares.
Desde o PP propoñen un estudo exhaustivo sobre a cobertura existente no rural de Trabada, a identificación das necesidades reais de cada núcleo de poboación e a posta en marcha de xestións que incentiven a actuación das operadoras de telecomunicacións. “Non podemos permitir que haxa fogares, explotacións agrarias ou pequenas empresas que queden atrás por non ter acceso a Internet ou a un servizo telefónico estable”, insisten.
O senador José Manuel Balseiro, pola súa banda, lembra que o Estado xestiona cantidades millonarias de fondos europeos a través de ministerios como o de Transición Ecolóxica ou o de Transformación Dixital, con programas destinados especificamente á mellora da conectividade no medio rural. “É un paradoxo que, con tantos cartos dispoñibles, haxa aínda tantas áreas do noso país sen acceso digno á fibra ou á telefonía”, afirma.
Para os populares, a conectividade é hoxe un dereito esencial: “Non se pode falar de igualdade de oportunidades mentres haxa parroquias sen rede, nin se pode impulsar o retorno ao rural sen garantir servizos básicos coma este”.