O PP de Trabada defende a cobertura médica e pide evitar a confrontación política

O voceiro do Partido Popular en Trabada, José María Fernández Vázquez, saíu ao paso das críticas sobre a situación sanitaria no municipio e defendeu que a atención médica estivo garantida nos últimos días. Segundo explicou, a propia aplicación de cita previa a sábado 23 de agosto demostra que había consultas dispoñibles para o luns 26, polo que rexeitou “as mentiras e o recurso constante á manipulación”.

Fernández incidiu en que a praza médica está cuberta e que o centro tamén conta cunha enfermeira, polo que “non se pode enganar á veciñanza facendo ver o contrario”. Admitiu, con todo, que a situación da sanidade galega é complicada, igual que no resto do Estado, e recoñeceu que “todo é mellorable”. Por iso expresou o seu desexo de que no futuro se poidan conseguir dous médicos para o municipio, mais sempre desde o traballo conxunto e non desde a confrontación.
En relación coa residencia de maiores, o portavoz popular subliñou que a súa xestión está en mans dunha empresa privada e que a falta de persoal é evidente. Nese sentido, pediu que “antes de criticar, cada quen asuma as súas responsabilidades”.
Fernández apelou finalmente ao diálogo como única vía para avanzar en melloras reais. “Podemos estar de acordo en moitas reivindicacións, pero non se pode construír nada a base de enganar á xente. A prioridade debe ser mellorar os servizos sen buscar enfrontamentos, e menos cando non se ten razón”, concluíu.