O PP de Trabada critica a suba de impostos e taxas aprobada polo goberno local

O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, critica que o goberno socialista do Concello aprobou en solitario un novo incremento das taxas municipais, que afectará á recollida de lixo, ao abastecemento de auga e á expedición de documentos administrativos. Segundo explica Fernández, a decisión foi adoptada no Pleno deste mércores co voto en contra do Grupo Popular, e súmase á suba do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) aprobada o pasado ano.
O aumento da taxa pola recollida de lixo suporá un incremento duns 30 euros anuais para os veciños da zona rural e duns 40 euros para os residentes no casco urbano, incluso despois de aplicar a bonificación do 20 % para os propietarios de vivendas empadroados no Concello. No caso do abastecemento de auga, o prezo para uso doméstico establécese en 22 euros cada dous meses, cun custo adicional de 0,75 euros por metro cúbico para consumos superiores a 11 m³. Para o uso industrial, a taxa será de 36 euros bimestrais, con recargo a partir dos 21 m³.
Ademais, os prezos para a expedición de documentos administrativos tamén se incrementan notablemente. O certificado de empadroamento duplicará o seu custo, pasando de 5 a 10 euros, mentres que a tramitación para autorizacións de festas encarecerase en 10 euros, chegando aos 35 euros.
Fernández insiste en que o goberno municipal debería buscar alternativas para asumir estes incrementos sen trasladar a carga económica aos cidadáns, que xa se enfrontan a unha escalada de prezos xeralizada. "Os veciños cada vez teñen máis dificultades para chegar a fin de mes, e o Concello debería actuar con maior sensibilidade en vez de repercutirlles todos estes aumentos", asegura.
O voceiro popular tamén acusa ao alcalde de "tentar enganar" á veciñanza ao atribuír a suba do canon do lixo á Xunta de Galicia, cando, segundo explica, "trátase dunha obrigación imposta por unha lei do Goberno de Sánchez, que obriga os Concellos a repercutir nos contribuíntes os custos da recollida, transporte e tratamento de residuos". Fernández subliña ademais que a Xunta incluso se fai cargo do 60 % da actualización do canon que deben pagar os municipios.
O incremento do IBI faise efectivo en 2025
O voceiro do PP lembra que xa hai un ano advertiron do aumento do IBI sobre os bens inmobles de natureza urbana, que pasou dun tipo impositivo do 0,4 ao 0,6. Este cambio, que entra en vigor neste 2025, supón que un propietario que antes pagaba 150 euros de contribución pola súa vivenda agora terá que desembolsar 200 euros, un incremento de 50 euros.