O PP de Trabada critica a “opacidade” na convocatoria dunha praza de administrativo

AMariñaXa
Os populares denuncian que o prazo de só dous días para presentar solicitudes xera dúbidas sobre a transparencia do proceso
PP-trabada-pleno-marzo-2024
1 Oct 2025

O Partido Popular de Trabada amosou o seu malestar pola recente convocatoria dun concurso-oposición para cubrir unha praza de administrativo a tempo parcial no Concello. A formación considera que a xestión deste procedemento resulta “inaceptable” e acusa ao alcalde de practicar “unha clara falta de transparencia”.

Segundo explicaron, a praza ofertada corresponde a un posto de funcionario interino cun contrato de dous anos de duración e unha xornada semanal de 35 horas. O que máis chama a atención da oposición é que só se concederon dous días hábiles para que as persoas interesadas puidesen presentar as súas solicitudes.

“Un prazo tan reducido dá lugar a unha sensación evidente de escurantismo e fai pensar que a convocatoria podería estar deseñada para favorecer a determinados intereses”, sinalaron desde o PP. Os populares insisten en que a cidadanía “merece procesos abertos, claros e xustos, non convocatorias exprés que xeran desconfianza”.

Por este motivo, reclaman ao rexedor municipal que dea explicacións públicas de maneira urxente e que garanta a transparencia inmediata en todo o procedemento. “Non se pode xogar coa confianza dos veciños e veciñas nin coa igualdade de oportunidades de quen quere acceder a un posto de traballo”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.082334041595459