O PP de Trabada critica a forte suba do IBI e acusa o goberno local de afogar ás familias coas taxas municipais

O Partido Popular de Trabada volve cargar contra a política fiscal do goberno municipal socialista, ao que acusa de practicar “un afán recadatorio desmedido” coa subida do Imposto de Bens Inmobles (IBI), así como doutras taxas municipais como a da auga e o lixo.
O voceiro popular, José María Fernández, sinalou que nestes días “están a chegar os recibos do IBI e os veciños están comprobando o que xa advertimos hai meses: unha suba moi forte que afecta a toda a veciñanza pola política do alcalde e do seu grupo de goberno”. Segundo explicou, hai familias que están a pagar “desde 40 ata 200 euros máis” que o ano pasado polo imposto da contribución urbana.
Fernández cualificou esta medida como “incomprensible e inxusta”, asegurando que “non se pode entender nin xustificar este ánimo recadatorio que só serve para facer caixa mentres se gasta sen control e sen cumprir as regras fiscais”. O portavoz popular subliñou que “a veciñanza non pode ser quen pague as consecuencias dunha xestión económica deficiente e pouco transparente”.
O PP considera que o goberno local “non está a xestionar ben os recursos municipais” e que “o incremento dos impostos chega nun momento especialmente delicado para moitas familias, que ven como medran todos os gastos mentres o Concello continúa sen ofrecer servizos mellorados nin unha xestión eficaz”.
Por iso, Fernández reiterou o compromiso do seu grupo de reducir os impostos municipais se o Partido Popular volve gobernar no Concello. “Nós estamos e estaremos sempre en contra destas subas; se podemos gobernar, volverán reducirse sen dúbida ningunha”, asegurou.
O portavoz insistiu tamén en que o PP “defende unha xestión responsable dos recursos públicos, na que cada euro se invista con sentido e se administre pensando no benestar da veciñanza, non en engordar as arcas municipais a costa das familias de Trabada”.