O PP de Trabada critica a falta de xestión do alcalde para ampliar o ciclo da auga ás parroquias

O Grupo Municipal do Partido Popular en Trabada volveu cargar contra o alcalde, Rubén García, ao que reprochan a “falta de vontade” para buscar todas as vías posibles que permitan levar o abastecemento de auga potable e o saneamento a todas as parroquias do municipio.
O voceiro popular, José María Fernández, lembrou que no último pleno defenderon unha proposta para instar ao Concello a solicitar a colaboración da Deputación de Lugo na implantación do ciclo da auga nas zonas que carecen destes servizos básicos. Explicou que xa existe un convenio entre os concellos de Trabada, Ribadeo e a Xunta de Galicia que permitirá executar obras en tres parroquias sen custo para o municipio. “Precisamente por iso pedimos máis ambición ao goberno local e que reclame tamén a axuda da Deputación”, apuntou.
Fernández lamentou que o alcalde “poña por diante os intereses do PSOE aos dos veciños de Trabada” e recordou que “unha vez máis négase a pedir que a Deputación colabore economicamente con todos os veciños do concello”.
O portavoz popular defendeu que, aínda que a competencia do ciclo da auga é municipal, a Deputación “tamén pode e debe colaborar na dotación destes servizos básicos”. Nese sentido, animou a Rubén García a “reflexionar e rectificar”, lembrando que noutras ocasións votou en contra de propostas do PP para logo presentalas como propias. “Agardamos que volva facelo porque sería unha mellora substancial para os trabadenses, que é o obxectivo que perseguimos todos os concelleiros do Partido Popular”, concluíu.