O PP de Trabada advirte do risco por falta de mantemento nas estradas provinciais

AMariñaXa
José María Fernández acusa a Deputación de Lugo de inacción e reclama desbroces, reasfaltado e mellora da sinalización
TRABADA-desbroce-estrada--LU-P-6103-(1)
22 Jul 2025

A poucos días de rematar o mes de xullo, as estradas provinciais de Trabada seguen sen labores de mantemento, segundo denuncia o voceiro do Partido Popular no municipio, José María Fernández. O deputado provincial sinala que a Deputación de Lugo, gobernada por PSOE e BNG, “aínda non iniciou os desbroces necesarios”, o que está a provocar que a vexetación invada a calzada en numerosos puntos e reduza a visibilidade, xerando unha situación de risco para os usuarios.

Fernández considera que esta falta de intervención por parte da institución provincial “amosa unha xestión deficiente” e alerta de que “a maleza medra sen control, ocupando os beiravías e mesmo chegando a ocultar parte da sinalización vertical”. Como exemplo salientou a estrada LU-P-6103, que conecta Trabada con Barreiros a través de Fornea, onde os arbustos e silvas cobren amplos tramos da vía, dificultando a circulación con seguridade.

“A imaxe que se transmite é de abandono, coma se PSOE e BNG non tivesen interese ningún en garantir a seguridade viaria no noso municipio”, lamentou o voceiro popular, quen puxo o foco na preocupación crecente entre os veciños. “En Trabada hai moito tránsito de maquinaria agrícola e a falta de visibilidade aumenta o risco de accidentes”, engadiu.

Ademais do desbroce urxente da vexetación, o Partido Popular reclama outras actuacións como o reasfaltado e repintado das estradas, xa que “en moitas zonas xa non se distinguen nin os carrís de circulación”. Esta circunstancia, advertiu Fernández, agrávase en días de néboa, moi frecuentes no municipio, cando a visibilidade se reduce aínda máis e se multiplican os perigos.

O PP de Trabada insta á Deputación a actuar de inmediato para garantir unhas condicións mínimas de seguridade e evitar que o abandono do viario provincial teña consecuencias máis graves.

⚙ Configurar cookies
0.15653204917908