O PP de Trabada acusa ao goberno local de levar o Concello a unha situación económica límite

AMariñaXa
Os populares denuncian a falta de control orzamentario e critican a suba de impostos e taxas como consecuencia da “nefasta xestión” do PSOE
Jose-Maria-Vilelo-PP-Trabada
1 Aug 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Trabada expresou este xoves a súa “profunda preocupación” tras analizar o Plan Económico Financeiro do Concello, no que observan unha deriva preocupante das contas municipais que, segundo denuncian, é consecuencia directa da xestión do actual equipo de goberno socialista.

O voceiro do PP, José María Fernández, advertiu que a elaboración deste plan é obrigatoria despois de que o Concello incumprise o principio de estabilidade orzamentaria na liquidación do exercicio 2024, cun déficit superior aos 236.000 euros. “Estamos ante unha situación moi seria, e todo por unha xestión municipal que consideramos totalmente irresponsable”, sinalou o representante popular.

Fernández instou ao goberno local a asumir as recomendacións técnicas para reconducir a situación: recorte de gastos e aumento de ingresos, medidas que, segundo subliña, “acabarán pagando todos os veciños”. Nesta liña, lamentou que a veciñanza xa estea sufrindo os efectos, como a duplicación da taxa da auga, a suba do IBI nun 50% ou o incremento da tarifa pola recollida do lixo. Ademais, alertou de que “probablemente haberá que pagar o dobre por calquera documento administrativo” e que “as asociacións do municipio poden quedar sen axudas municipais”.

O portavoz popular tamén puxo sobre a mesa outros exemplos do que cualificou como “neglixencias reiteradas” do alcalde. Mencionou, por exemplo, que o centro de saúde continúa sen ser cedido á Xunta de Galicia porque o Concello non separou as instalacións eléctricas da Casa da Cultura e do propio centro médico, un requisito esixido pola normativa e que obriga ao consistorio a asumir os gastos de mantemento.

Outra das críticas recae no alugueiro dun local para Correos, polo que o Concello estaría pagando preto de 3.000 euros anuais, cando, segundo indica, “se podería aforrar esa cantidade utilizando instalacións municipais baleiras”.

Para Fernández, esta situación resulta “incomprensible” tendo en conta que, nos últimos anos, o Concello contou cun volume de ingresos sen precedentes, grazas a partidas como o Plan Único ou as compensacións derivadas dos parques eólicos. “Nunca entrou tanto diñeiro en Trabada, e pese a iso estamos nun punto crítico, o que evidencia que a xestión do PSOE é ruín”, sentenciou.

O portavoz popular tamén lembrou que o Consello de Contas xa alertara a comezos de ano sobre a situación económica do municipio. “Xa en xaneiro advertiamos que, se non se tomaban medidas urxentes, o Concello podería encamiñarse cara á ruína, e agora comprobamos que ese aviso non foi escoitado”, declarou.

Segundo Fernández, a consecuencia directa desta situación é “un Concello cada vez máis endebedado, sen horizonte claro e cun futuro no que os servizos públicos serán máis caros e menos accesibles para a cidadanía”. Por iso, concluíu pedindo un cambio urxente na dirección política de Trabada, xa que “non podemos seguir agardando mentres se agravan os problemas; o futuro que nos espera con este goberno está cheo de nubes negras”.

⚙ Configurar cookies
0.17122006416321