O PP de Ribadeo pide que se amplie o horario dos locais de ocio nocturno

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Tras manter distintas conversas con propietarios dos locais de ocio nocturno en Ribadeo, o Grupo Municipal Popular pide formalmente ao goberno local, a través dunha instancia, a modificación temporal da licenza de actividade dos locais de ocio nocturno para que poidan desenvolver a súa actividade ata a 01.
5 Sep 2020

Tras manter distintas conversas con propietarios dos locais de ocio nocturno en Ribadeo, o Grupo Municipal Popular pide formalmente ao goberno local, a través dunha instancia, a modificación temporal da licenza de actividade dos locais de ocio nocturno para que poidan desenvolver a súa actividade ata a 01.00 “do mesmo xeito que outros sectores da restauración”, explican. 

É dicir, os populares ribadenses piden ao goberno local que “escoite aos afectados” e que, polo tanto, “modifique a licenza para que os establecementos de ocio nocturno se convertan temporalmente en bares de día para os que está establecido o peche á unha da madrugada con motivo da covid-19”. Trátase dunha medida “adoptada xa noutros concellos do Principado de Asturias”, segundo manifesta o voceiro popular ribadense, Daniel Vega.

Os populares consideran que “o goberno local, que ten as competencias en concesión de licenzas de actividade, debe facilitar a habilitación de forma extraordinaria dun novo horario en sinal de apoio ao sector co obxectivo de tratar de reducir o efecto económico desta medida que na nosa vila está a afectar a un sector da hostalería”.

Así mesmo, matizan que “ao tratarse dunha modificación temporal quedaría sen efecto no momento en que se levante a medida de suspensión da actividade dos establecementos dedicados ao ocio nocturno” adoptada polo Goberno para o conxunto de España, e con efectos dende o pasado 16 de agosto, co obxectivo de contribuír a frear a pandemia de coronavirus.

Traballo en conxunto

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, sinala que se trata de “momentos complexos nos que debemos traballar todos conxuntamente”. É así polo que agarda que “o goberno local escoite esta petición para axudar aos propietarios destes establecementos, claramente afectados por estas medidas anti-covid porque están pechados e, polo tanto, os seus ingresos son completamente inexistentes”. 

0.17040801048279