O PP de Ribadeo di que o Concello "míntelles" aos veciños sobre a praia do Cargadoiro
O grupo municipal popular de Ribadeo esíxelle ao goberno local “xestionar orzamento para solucionar o problema” da praia do Cargadoiro para que os veciños poidan facer uso dela con seguridade. Así o manifestaron os populares tras manter varias reunións cos veciños que usan esta praia e que, “precisamente no mes de agosto en plena época estival, se atopa pechada porque o goberno local decidiu colocar unha valla para impedir o acceso en lugar de arranxar o problema para que a praia estea dispoñible”.
O voceiro popular, Daniel Vega, sinala que “os veciños están indignados, están fartos de que o goberno local lle pase a pelota a Costas e ao revés” porque isto supón que o areal e o seu acceso continúan sen arranxar. Ante esta situación, o grupo municipal popular dirixiuse a Costas -organismo dependente do Goberno central- para pedir explicacións. “Concretamente preguntamos se fixera inversións nesa praia, se mantén reunións co goberno local e tamén solicitamos un informe de competencias para coñecer que administración é a responsable de asegurar os cantís e as escaleiras de acceso”.
“Coa contestación de Costas, que non é da mesma cor política que o noso grupo, puidemos comprobar que o goberno local lle estivo mentindo aos veciños” porque sinalan, “ademais de que non se fixeron inversións na praia do Cargadoiro dende o ano 1998, que Costas mantén reunións co goberno local e que a competencia en conservación e mantemento lle corresponde á administración local segundo o Real Decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Reglamento General de Costas, e como xa sabe perfectamente o goberno do BNG”, explica Vega.
O popular quere coñecer, polo tanto, “por que o goberno local lle minte aos veciños e por que non soluciona un problema que sabe que ten que facer el”. A ese respecto, explica que “o goberno local está a cobrar dedicacións exclusivas de todos os veciños e, polo tanto o que ten que facer é solucionar o problema. É indignante que cobren de todos os veciños e que non foran capaces de acudir alí e dar unha explicación sensata e coherente. É de xustiza que os ribadenses poidamos acudir a esa praia, que é de todos”, engadiu.