O PP de Ribadeo acusa escasos recursos para o arranxo de pistas
A coordinadora do rural do PP ribadense, Montse Seijo, observa pouca planificación e escaso orzamento para o arranxo de pistas do rural ribadense. Á popular parécelle “moi ben que se estean arranxando, pero cre que o investimento podería ser maior se o goberno local do BNG pedira axudas a outras administracións coma a Xunta para executar este tipo de traballos”.
Ademais dunha “boa planificación”, a popular considera necesario “controlar as obras para que non pase o que está a acontecer en varias parroquias que amañadas fai pouco máis de dous anos e xa teñen un montón de baches”.
Montse Seijo traslada así as queixas dos veciños sobre a calidade do firme. “Todos sabemos que arranxar moitos quilómetros con poucos cartos vai en detrimento da calidade do pavimento”, critica.
“Hai moitos exemplos máis nas distintas parroquias do estado de abandono das pistas municipais”, segundo lamenta a popular que puntualiza que “é un abandono de moitos anos”.
Outra das reclamacións dos veciños do rural son as de “adecentar as cunetas”, segundo explica Seijo. Neste caso, demanda “maior diálogo coas asociacións das parroquias”.