O PP de Ribadeo acusa ao Concello de "desidia" polo estado das rúas e contedores
Elena Sierra contrapón “o traballo do Grupo Municipal Popular á desidia e á apatía do goberno local do BNG”.
A vicevoceira do Grupo Municipal Popular denuncia unha vez máis “contedores cheos e rúas sen limpar”; así coma “falta de iluminación en moitas das nosas rúas” que segundo a popular “foron a tónica reinante durante este Nadal en Ribadeo”.
Fronte a estas mostras de desidia, desinterese e falta de organización do traballo municipal, Sierra destaca que “dende o Grupo Municipal Popular levamos dende o comezo deste mandato reivindicando o mesmo”; pero lamenta que “sempre obtemos un non por resposta dende o grupo nacionalista de goberno”.
A popular explica que “estivemos axudando en todo o posible ao comercio e á hostalería” de xeito que “a Xunta financiou actividades de rúa para nenos e nenas -a visita dos Bolechas- e investiu 7.000 euros na achega directa de 15.000 bolsas ao comercio local entre outras inversións de cara á dinamización do comercio ribadense, mentres que o goberno local non fixo nada”.
“Ante a desidia e apatía do comercio local, dende o Grupo Municipal Popular seguimos co mesmo espírito de colaboración que co que empezamos o mandato. Pero botamos en falta traballo serio e coordinado por parte do goberno local”, asegura Sierra.
“Imos seguir traballando porque estamos convencidos de que esa é a liña a seguir e agardamos que os demais se convenzan tamén de que a unión fai a forza”, conclúe a popular.