O PP de Ourol cuestiona os prazos do Centro de Día e critica a falta de planificación nas obras municipais

O Partido Popular de Ourol fixo pública a súa preocupación polo futuro do Centro de Día e da Residencia da Terceira Idade, tras recibir resposta do Goberno local nun pleno no que se indicou que a obra se contrataría no ano 2026. Dende o grupo popular desexan que ese compromiso se cumpra, aínda que mostran dúbidas, lembrando que antes das eleccións municipais exhibíronse uns planos na entrada do Concello e dous anos despois o proxecto segue sen visado.
No mesmo pleno, os populares preguntaron tamén polo destino da antiga Cámara Agraria, sen obter unha resposta clara. “Agardamos que na seguinte sesión plenaria se concrete algún uso, porque de non ser así teremos que presentar propostas”, explicaron.
O PP criticou ademais a falta dunha folla de ruta definida en materia de infraestruturas, asegurando que se executan obras en zonas practicamente despoboadas, mentres que vías de comunicación entre varias aldeas reciben un asfaltado que se deteriora rapidamente.
Con respecto ás estradas de titularidade provincial, lamentaron que a situación siga sendo moi deficiente. Como exemplo, citaron a vía de Miñotos a Chavín, que estaba prevista para ser amañada en abril ou maio e que a día de hoxe continúa chea de fochancas. Tamén puxeron o foco na estrada do Foxo a San Pantaleón, que, segundo denunciaron, leva catro anos intransitable.