O PP de Lugo salienta en Burela o “investimento histórico” da Xunta na Mariña

AMariñaXa
Os deputados populares lucenses destacan o compromiso inversor do Goberno galego con Burela, que recibirá máis de 7 millóns, e con actuacións en toda a comarca
MARINA-PP-de-Lugo-outubro-2025
28 Oct 2025

Os deputados autonómicos do Partido Popular de Lugo, Nicole Grueira e Enrique Barreiro, puxeron en valor en Burela o “investimento histórico” que a Xunta de Galicia contempla para A Mariña nos Orzamentos de 2026, que superará os 25 millóns de euros. Na visita, estiveron acompañados polo portavoz local do PP, Manuel Rouco, e por concelleiros da formación, quen subliñaron que o Goberno galego prevé dirixir máis de 7 millóns á vila mariñeira.

Grueira e Barreiro destacaron que se trata duns Orzamentos “actualizados, presentados en tempo e forma, que contribúen a xerar certezas e confianza”, e lembraron que “o Goberno de Alfonso Rueda destina á provincia de Lugo o maior gasto por habitante de toda Galicia, con 5.754 euros”. Segundo sinalaron, os investimentos recollidos “permiten avanzar en actuacións comprometidas coa Mariña, reforzan o gasto social e inclúen medidas concretas de apoio ás familias e ás persoas máis vulnerables”.

Entre esas medidas figuran a dedución no IRPF pola compra de libros e material escolar, a gratuidade da educación desde o berce ata a universidade, o incremento do 41% dos fondos de atención temperá e o aumento do 12% do Fondo de Cooperación Local cos concellos. “Son contas que pensan na xente, no territorio e na igualdade de oportunidades”, subliñaron.

Fronte a iso, os populares criticaron “a parálise do Goberno de Pedro Sánchez, que non aproba uns Presupostos Xerais do Estado desde 2022 e mantén bloqueados proxectos vitais para a comarca como a A-74, o mantemento das estradas nacionais ou o futuro de Alcoa”. Lamentaron ademais “o silencio inexplicable de alcaldes e dirixentes socialistas ante esta falta de compromiso coa Mariña”.

No caso concreto de Burela, os Orzamentos da Xunta prevén partidas directas por máis de 7 millóns de euros. Deles, 3,3 millóns destinaranse ao Hospital Público da Mariña, aos que se suman fondos para equipamento e tecnoloxía sanitaria. Ademais, o Goberno galego contempla achegas de 1,7 millóns para a nova EDAR, 1 millón para melloras no saneamento e 200.000 euros para optimizar a potabilizadora de Cervo-Burela. A isto engádense 760.000 euros para rematar o reforzo do dique de abrigo do porto.

O portavoz local do PP, Manuel Rouco, puxo en valor “os numerosos investimentos da Xunta en Burela”, que, segundo afirmou, “demostran a importancia que o Goberno galego lle concede á nosa vila, algo que non se percibe no bipartito local, máis preocupado en debates internos que en proxectos produtivos para os veciños”.

Rouco lembrou que “todas as grandes obras da vila levan o selo do Partido Popular”, citando como exemplos “o reforzo do saneamento, a nova EDAR, a mellora do espigón e o segundo dique de abrigo para embarcacións”.

O proxecto de Orzamentos autonómicos tamén inclúe “importantes achegas para mellorar servizos básicos en toda a comarca mariñá”. Así, prevé case 9 millóns de euros no vindeiro ano para actuacións relacionadas co ciclo da auga, cun investimento plurianual que supera os 38 millóns: a EDAR de Foz, a reparación do abastecemento Ribadeo-Trabada e as obras para evitar inundacións no río Fontecova en Viveiro.

Tamén se contemplan actuacións nos portos da Mariña por preto de 3 millóns de euros no 2026 —cun total plurianual de 21 millóns—, entre elas o dragado do canal de acceso ao porto de Foz, a remodelación da dársena deportiva, a mellora do acceso ao porto de Ribadeo, o reforzo do dique de Celeiro e o abrigo de Morás.

No ámbito da vivenda, a Xunta reserva 4,8 millóns de euros para o programa Rexurbe en Mondoñedo, Vilalba, Viveiro e Ribadeo. Tamén se incrementa un 40% a partida para a VAC Costa Norte e a mellora da estrada LU-540, ata os 4 millóns, e destínanse 1,4 millóns para reformas no IES María Sarmiento (Viveiro) e no CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros).

Outras actuacións destacadas son os 600.000 euros para conservación costeira na ría Foz-Masma, 580.000 para eficiencia enerxética no Xulgado de Viveiro, melloras no claustro do mosteiro de Vilanova de Lourenzá, reparación das duchas do albergue de Area e apoio ao Polo de Emprego de Mondoñedo e á Artesanía Alimentaria en Viveiro e Ribadeo.

A área sanitaria contará, ademais, con fondos para a licitación do novo centro de saúde de Ribadeo e para o equipamento de Atención Primaria. “A Xunta non só mantén, senón que mellora as condicións laborais dos profesionais dos servizos públicos autonómicos, especialmente na sanidade, a educación e a loita contra incendios”, concluíron Grueira e Barreiro.

⚙ Configurar cookies
0.069169044494629