O PP de Lugo reclama ao Goberno medidas urxentes contra a ocupación ilegal tras o sucedido en Xove

AMariñaXa
Os senadores populares acusan ao Executivo de “protexer aos okupas” e critican o bloqueo da lei impulsada polo seu grupo no Congreso
senadores_pp_lugo
Senadores populares
10 Nov 2025

Os senadores do Partido Popular de Lugo —José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano— presentaron no Senado unha iniciativa coa que buscan coñecer que medidas ten previsto adoptar o Goberno central para frear casos de ocupación ilegal de vivendas como o rexistrado recentemente no concello de Xove.

O senador mariñán José Manuel Balseiro cualificou de “indignante” a actitude do Executivo de Pedro Sánchez, ao que acusa de manter “unha inacción que o sitúa máis preto dos okupas ca dos lexítimos propietarios das vivendas”. O parlamentario popular lamentou ademais que “os socios de Sánchez, os partidos de esquerda e nacionalistas, impidan lexislar e mesmo bloqueen leis que poderían ofrecer unha solución a este problema crecente”.

Desde o Partido Popular consideran que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado se atopan “coas mans atadas” á hora de actuar fronte a este tipo de delitos, mentres que a Xustiza carece dunha normativa eficaz que permita axilizar os desaloxos nun prazo razoable. “En moitos países europeos os okupas son expulsados con rapidez, pero aquí non é así porque Sánchez e os seus socios non queren”, engadiu Balseiro.

O senador lembrou tamén que o Partido Popular xa promoveu no Senado unha Proposición de Lei Orgánica contra a ocupación ilegal, orientada a garantir a convivencia veciñal e a seguridade nas comunidades de propietarios. O texto legal recolle medidas como os desaloxos exprés, o endurecemento das penas e accións de protección para os usuarios das vivendas afectadas.

Con todo, Balseiro denunciou que esta iniciativa se atopa bloqueada na súa tramitación na Mesa do Congreso, “controlada polo PSOE e Sumar”, o que —asegura— impide que se poidan aplicar solucións reais a un problema que xera “inseguridade, impotencia e desprotección” entre os veciños.

⚙ Configurar cookies
0.067308902740479