O PP de Lugo denuncia unha grave crise institucional polo caso de presunto acoso sexual no PSOE

A presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, compareceu acompañada polo secretario xeral do PP lucense, Javier Nodal, e polo voceiro popular na Deputación, Antonio Ameijide, para advertir da que cualificou como unha situación política e institucional de "extrema gravidade" na provincia a raíz do caso de presunto acoso sexual que afecta ao PSOE.
Candia abriu a súa comparecencia trasladando unha mensaxe de apoio ás persoas afectadas, ás que definiu como as principais prexudicadas desta situación, e expresou unha condena rotunda deste tipo de comportamentos, independentemente de que cheguen ou non a ter percorrido penal. Subliñou que falaba como lucense e, de maneira especial, "como muller", para deixar claro o seu rexeitamento a condutas que considera "absolutamente inaceptables".
A líder provincial do PP asegurou que o que se está vivindo na provincia é grave non só polos feitos denunciados, senón tamén polo "inmobilismo, polos silencios e polo dano que se está a causar ás institucións". Nese contexto, insistiu en que non existe ningunha novidade real porque José Tomé continúa mantendo as actas tanto na Deputación como no Concello de Lugo, malia que, segundo afirmou, tanto os lucenses como os monfortinos lle están reclamando de maneira clara que dea un paso atrás.
Candia foi especialmente contundente ao advertir de que as institucións "non poden estar ao servizo de quen se aferra ao cargo nin quedar debilitadas por unha situación que non se resolve". Considerou "insuficiente unha eventual renuncia formal á Presidencia da Deputación se iso supón manter o control desde un segundo plano", algo que, na súa opinión, non supón asumir responsabilidades, senón prolongar o problema.
No seu discurso situou tamén o foco no papel do BNG, reclamándolle que abandone o que considera unha postura ambigua e se posicione con claridade ao lado das presuntas vítimas. Reprochou aos nacionalistas que continúen formando parte do goberno provincial mentres amosan críticas fóra del, o que para ela evidencia "ncoherencia e falta de firmeza na defensa das mulleres". Advertiu de que o BNG debe decidir se está ao lado das presuntas vítimas ou se opta por seguir sostendo, directa ou indirectamente, un executivo condicionado por unha persoa apartada do PSOE por un caso de presunto acoso sexual, e defendeu que retirar o apoio non sería unha postura radical, senón un exercicio de coherencia.
A presidenta provincial do PP denunciou igualmente a ausencia de explicacións por parte do PSOE e "as contradicións internas" dos socialistas. Apuntou que o recoñecemento de José Ramón Gómez Besteiro de que coñecía o caso resulta clave e lamentou que Lara Méndez, Pilar García Porto e a dirección socialista non aclarasen que información tiñan, que actuacións levaron a cabo e por que gardaron silencio. Ao seu xuízo, esa falta de respostas e ese mutismo permanente tamén contribúen a debilitar as institucións.
No ámbito da Deputación de Lugo, a presidenta provincial cualificou de "bochornoso o comportamento vivido no último pleno", ao entender que ofreceu unha mala imaxe da institución e da provincia. Criticou que José Tomé anunciase a súa dimisión mentres presidía unha Xunta de Goberno con membros do PSOE e que, ao mesmo tempo, o BNG optase por ausentarse sen adoptar medidas. Cuestionou así que tipo de goberno vai ter a Deputación e se os nacionalistas están dispostos a formar parte dun executivo no que participa unha deputada supostamente coñecedora dos casos e sustentado pola figura de Tomé.
Candia estendeu as súas críticas ao ámbito municipal e lamentou o silencio do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que é tamén deputado provincial e que asistiu ao órgano presidido por Tomé. Considerou que ese mutismo tamén é unha forma de posicionarse e defendeu que a veciñanza ten dereito a coñecer cal é a súa postura ante unha crise que afecta directamente á Deputación.
Pola súa banda, desde o BNG no Concello de Lugo replicouse ás críticas do PP acusando aos populares de utilizar un caso de extrema gravidade para intentar facerse co control da Deputación. O portavoz nacionalista e tenente de alcalde sostivo que ao PP lle dá igual a situación das vítimas e lembrou episodios anteriores nos que, ao seu xuízo, "os populares amosaron unha actitude contraditoria, como o apoio a responsables políticos con causas xudiciais pendentes por delitos de carácter sexual ou a designación de cargos públicos tras diversos escándalos", cualificando todo iso como unha actuación "vergonzosa".