O PP de Lourenzá solicita a renovación urxente da estrada a San Xusto

AMariñaXa
Os populares levan ao pleno unha petición para mellorar a seguridade e o mantemento da vía
PP-Lourenzá
25 Mar 2025

O grupo municipal do Partido Popular en Lourenzá levará ao próximo pleno unha proposta para que o Concello inicie os trámites necesarios co fin de renovar a estrada que une o municipio coa parroquia de San Xusto, en Barreiros. A formación alerta do estado precario no que se atopa esta vía, converténdose nun perigo tanto para condutores como para peóns.

Os concelleiros populares destacan a necesidade de realizar unha inspección en profundidade para avaliar os danos e establecer un plan de actuación que contemple o asfaltado con aglomerado en quente, a limpeza das cunetas e beirarrúas, así como a poda das árbores situadas nos marxes da estrada para mellorar a visibilidade e reducir os riscos de accidente.

A deterioración desta vía municipal é máis que evidente, con numerosos buracos que dificultan a circulación e supoñen un risco para os vehículos. Ademais, a acumulación de maleza e residuos nas marxes complica o tránsito peonil, mentres que a falta de mantemento do arborado reduce de forma preocupante a visibilidade, agravando a inseguridade viaria.

Desde o PP de Lourenzá insisten en que esta situación non só afecta aos veciños do municipio, senón tamén aos de Barreiros, que empregan esta estrada para desprazarse por razóns laborais ou para acceder a servizos comerciais e hostaleiros en Vilanova. Por iso, instan ao equipo de goberno a actuar con responsabilidade e a atender unha demanda que xa presentaron noutras ocasións.

“Esperamos que esta vez o executivo municipal sexa consciente da gravidade do problema e actúe con dilixencia para garantir unha circulación segura e adecuada para todos os usuarios”, manifestaron os edís populares.

⚙ Configurar cookies
0.32459211349487