O PP de Lourenzá reclama solucións urxentes para o conflito laboral no Servizo de Axuda no Fogar

AMariñaXa
Os populares piden ao goberno local que aboe os atrasos, actualice os salarios e garanta a continuidade do servizo aos maiores
maiores-residencia-coidado-saf
30 May 2025

O Partido Popular de Lourenzá expresou publicamente o seu apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), recoñecendo o seu “valioso labor na atención aos nosos maiores” e esixindo ao executivo socialista do municipio que tome medidas inmediatas para resolver unha situación que, segundo denuncian, se arrastra desde hai máis de dous anos.

Os concelleiros populares reclaman o pagamento inmediato dos salarios atrasados correspondentes aos anos 2022 e 2023, así como a actualización das retribucións conforme ao incremento do IPC. Ademais, critican que o goberno local se negue a formalizar un contrato indefinido para unha traballadora que, segundo indican, superou todos os procesos selectivos e leva anos encadeando contratos temporais.

Desde o PP acusan ao equipo de goberno dunha “nefasta xestión” e lamentan que a falta de solucións obrigara ás empregadas a anunciar unha folga, unha situación que cualifican de “insólita no Concello de Lourenzá”.

Ademais de defender os dereitos laborais das traballadoras, os populares subliñan a importancia de garantir a continuidade do servizo aos maiores do municipio, un colectivo especialmente vulnerable. “A atención domiciliaria non pode quedar en segundo plano por falta de vontade política”, sentencian.

Finalmente, fan un chamamento ao diálogo e á responsabilidade institucional para desbloquear o conflito. “Con vontade e sentido común pódese chegar a acordos que beneficien a todas as partes e eviten un prexuízo maior para traballadoras e usuarios”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.15594100952148