O PP de Lourenzá reclama actuacións urxentes para evitar riscos no Cantón

AMariñaXa
Os populares piden precintar a zona e facer unha avaliación técnica tras caer unha rama de gran tamaño
Lourenza-Rama-Platanaos-Canton-
25 Jun 2025

O Partido Popular de Lourenzá vén de reclamar ao goberno local que actúe con urxencia para garantir a seguridade no Cantón, logo da caída dunha rama de grandes dimensións dun dos plátanos da zona. Os concelleiros populares mostran a súa fonda preocupación polo risco que este tipo de incidentes representa para os viandantes e veciños, e lembran que xa advertiran desta situación nos plenos municipais.

Segundo o grupo popular, a caída da rama pon de manifesto o mal estado de varias das árbores, afectadas por enfermidades e tamén, afirman, “pola realización de podas en épocas inadecuadas”. Por iso instan ao executivo socialista a tomar medidas inmediatas, como o precintado provisional da área máis perigosa e a contratación dun estudo técnico que avalíe con rigor o estado fitosanitario dos exemplares.

“Non se pode agardar a que aconteza unha desgraza para actuar”, sinalan os populares, que consideran prioritario aplicar medidas de prevención e garantir a protección tanto das persoas como do propio patrimonio natural da vila.

⚙ Configurar cookies
0.15976786613464