O PP de Lourenzá pregúnta polo proxecto do mosteiro de San Salvador
O Grupo Municipal do PP de Lourenzá pregúntalle á alcaldesa cal é o proxecto para os 2 millóns de euros que o Plan Xacobeo destinaba ao mosteiro de San Salvador. Os populares queren coñecer os detalles do proxecto, en que consistirá a intervención anunciada polo Ministerio de Turismo e que dende o goberno local sinalaron como “primeiro paso para a súa rehabilitación”. Así mesmo, interésanse por coñecer exactamente cal é o uso e os servizos previstos no proxecto e cal é o actual estado da súa tramitación. Advirten, neste sentido, que “se o goberno local non fai nada rápido, pódese perder a inversión anunciada”.
O voceiro popular, Javier Rodríguez Barrera, condena a “falta de transparencia da alcaldesa e do seu goberno sobre este asunto” e explica que “os veciños queren saber que tipo de intervención prevé realizar o goberno local no mosteiro coa axuda anunciada polo Ministerio”. Pola tanto, pídelle á alcaldesa que responda ás dúbidas dos veciños de Lourenzá: “formularemos unha pregunta para que o goberno local dea información e lle explique aos veciños a situación na que se atopa este proxecto de interese para todo o noso municipio”, matiza.
Rodríguez Barrera lembra que “o goberno municipal socialista non fixo nada para a conservación e posta en valor do noso mosteiro”. De feito, “foi a Xunta a que tivo en conta o noso mosteiro e introduciuno entre as propostas enviadas ao Goberno central para que o recollera neste plan”.
Reivindicación constante do PP laurentino
Barrera sinala que “dende o Partido Popular aplaudimos xa daquela que o noso mosteiro recibira unha importante axuda que agardamos contribúa á recuperación desta construción barroca que foi declarada Monumento histórico-artístico en 1974 e que, ademais, constitúe un sinal de identidade do noso pobo”.
“A rehabilitación do Mosteiro de San Salvador e o seu uso público é unha reivindicación constante do PP local coincidindo coa vontade da maioría dos laurentinos”, conclúe.
Previamente, o Grupo Municipal Popular lograra sacar adiante unha iniciativa no pleno para crear unha mesa de traballo integrada por representantes dos distintos grupos políticos e asociacións en representación dos veciños para facer seguimento das accións levadas a cabo dende o Concello ante o Bispado para cesión do Mosteiro de San Salvador e debater sobre o uso do inmoble.