O PP de Lourenzá pide máis xestión e atención ás necesidades reais do concello

O Partido Popular de Lourenzá aproveitou as datas do Nadal para facer pública unha reflexión sobre a situación actual do concello e trasladar unha serie de demandas que consideran prioritarias para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Os populares sinalan que estas peticións non responden a luxos nin a promesas baleiras, senón a cuestións básicas que levan tempo pendentes e que afectan tanto ao casco urbano como ás parroquias.
Entre as principais reclamacións, o PP destaca a necesidade de repoñer farois e puntos de luz que actualmente faltan en distintas zonas do municipio, lembrando que a seguridade viaria e a dignidade dos espazos públicos non poden quedar comprometidas pola falta de iluminación. Do mesmo xeito, insisten na importancia dunha limpeza axeitada das rúas e dos contedores de lixo, un servizo que, segundo indican, require máis atención continuada.
Os populares tamén poñen o foco no estado da estrada municipal que comunica Lourenzá con San Xusto, unha vía que consideran fundamental para garantir desprazamentos seguros e para facilitar que a veciñanza siga realizando as súas compras no propio concello, contribuíndo así ao mantemento do comercio local. Neste sentido, reclaman tamén medidas específicas para apoiar o tecido industrial e mercantil, que, ao seu xuízo, vén sufrindo unha diminución progresiva da actividade.
Outra das preocupacións expresadas polo PP é a atención ás persoas maiores, reclamando a recuperación dunha comida que consideran merecida e que o ano pasado non se levou a cabo. Xunto a isto, apostan por impulsar actividades tanto no núcleo urbano como nas parroquias, orientadas ao exercicio físico e á estimulación da memoria, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e combater o illamento social.
No ámbito económico, os populares lembran a existencia de pagos pendentes a algúns traballadores municipais e provedores, subliñando que todos eles teñen dereito a cobrar polos servizos prestados. Ademais, piden revisar o volume de multas que recibe o Concello, xa que, segundo sinalan, ese custo acaba recaendo na cidadanía e podería destinarse a cubrir necesidades máis urxentes.
Finalmente, o PP de Lourenzá reclama políticas activas para favorecer o asentamento de poboación, un aspecto que consideran clave para garantir o desenvolvemento e o futuro do municipio. Os populares conclúen facendo un chamamento a un novo ano con máis feitos e menos palabras, máis atención ao rural e menos abandono, e desexando á veciñanza un Bo Nadal e un Feliz Ano Novo con cambios reais.