O PP de Lourenzá pide ao goberno local que garanta o pago dos atrasos ao persoal do SAF

O PP de Lourenzá fixo pública a súa preocupación pola situación que están a vivir as profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que levan tempo reclamando un calendario preciso para facer efectivos os salarios atrasados. Segundo explican os concelleiros populares, o persoal arrastra pagos pendentes correspondentes aos anos 2022 e 2023, unha situación que —advirten— xera “incerteza e desconcerto” entre as traballadoras.
Desde o grupo popular critican que o goberno municipal non ofrecese ata o momento unha resposta concreta nin un compromiso firme para regularizar a situación. “A falta de claridade e de información está a agravar a preocupación das traballadoras”, apuntan, insistindo en que o executivo local debe actuar “con urxencia e responsabilidade”.
Os representantes do PP instan ao equipo de goberno a cumprir as obrigas económicas pendentes e a establecer un calendario de pagos que permita garantir o cobro dos atrasos. Lembran que as profesionais do SAF desempeñan un labor esencial para múltiples familias do municipio e, por tanto, “merecen seguridade, respecto e un trato profesional acorde coa relevancia do seu traballo”.
Ademais, os concelleiros populares aseguran que permanecerán “vixiantes” para comprobar que o executivo cumpre co que anuncia. “Non abonda con palabras ou boas intencións —sinalan—; fan falta feitos que garantan o pagamento dos salarios e que aseguren o pleno respecto aos dereitos das traballadoras”.